Salmos 22
22
(21) O xusto que sofre
1Do mestre do coro, segundo "A cerva do abrente". Salmo de David.
2Meu Deus, meu Deus, por que me abandonas,
lonxe do meu socorro e das palabras do meu xemido?
3Meu Deus, clamo de día, e non respondes;
de noite, e non atopo sosego.
4Mais ti es o santo
para ti é a loanza de Israel.
5En ti confiaron nosos pais,
confiaron, e ti liberáchelos;
6clamaron cara a ti, e foron salvos,
confiaron en ti e non lles fallaches.
7Pero eu son un verme máis ca un home,
vergonza da xente e desprezo do pobo.
8Todos os que me ven fan burla de min,
torcendo os labios, movendo a cabeza:
9—"Acode ó Señor, que El o libre,
que El o salve, se é que o ama".
10Ti es quen me sacou do seo materno,
quen me achegou ós peitos de miña nai;
11A ti estou encomendado desde o nacemento,
desde o ventre materno ti es o meu Deus.
12Non te apartes de min, pois o perigo está preto,
e non hai quen acorra.
13Rodéame un fato de xovencos,
cércanme touros de Baxán;
14Abren a boca cara a min
leóns que devoran e brúan.
15Son coma auga que se verte,
teño todos os ósos esnogados;
o meu corazón, coma cera,
derrétese nas miñas entrañas.
16A miña gorxa está reseca, coma tella,
a lingua apegada ó padal:
botáchesme no po da morte.
17Rodéanme cans,
cércame un fato de malvados,
atan as miñas mans e os meus pés.
18Eu podo contar os meus ósos
eles observan, non me quitan ollo.
19Reparten os meus vestidos
e botan ás sortes o meu manto.
20Pero ti, Señor, non esteas lonxe;
meu socorro, ven axiña axudarme.
21Salva a miña vida da espada;
o meu único ben, da gadoupa do can;
22líbrame da boca do león,
deféndeme dos cornos do touro.
23Eu falareilles de ti ós meus irmáns,
loareite no medio da asemblea.
24Servidores do Señor, loádeo,
liñaxe de Xacob, glorificádeo,
liñaxe de Israel, temédeo.
25Pois El non despreza nin desdeña
a aflición dos humildes;
non lles esconde o seu rostro,
e, cando piden axuda, El escoita.
26De ti vén a miña loanza na asemblea;
cumprirei os meus votos, ante os que te temen.
27Os pobres comerán ata fartarse,
loarán ó Señor os que o buscan
e gozarán de vida duradeira.
28Acordarán e volverán ó Señor
todos os confíns da terra;
axeonllaranse na súa presenza
as familias todas dos pobos.
29Abofé, o reino é do Señor,
e El goberna as nacións.
30A El só adorarán os satisfeitos da terra,
ante El axeonllaranse os que baixan ó po
coa súa alma sen vida.
31A súa posteridade hao servir
e proclamará ó Señor polas xeracións.
32Cando veñan, cantarán a súa xustiza
e as súas obras para os que nazan.
Currently Selected:
Salmos 22: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT