Salmos 109
109
(108) Imprecacións
1Do mestre do coro. Salmo de David.
Deus a quen loo, non cales,
2pois ábrense contra min bocas malvadas e dolosas.
Falan de min con lingua mentireira,
3cércanme con palabras de odio,
combátenme sen razón.
4En pago do meu amor eles acúsanme,
mentres eu estou rezando.
5Vólvenme mal por ben,
xenreira por amor.
6Apurra contra el a un malvado,
que teña á súa dereita un acusador.
7Que no xuízo saia condenado
e a súa apelación se converta en culpa.
8Que os seus días se acurten
e que outro colla o seu posto.
9Que queden orfos seus fillos
e viúva súa muller.
10Que seus fillos vaian errantes e pedindo,
e que os boten das súas ruínas.
11Que os acredores collan os seus bens
e xente allea rapine o froito do seu traballo.
12Que ninguén teña dó del,
ninguén se apiade dos seus orfos.
13Que a súa posteridade sexa arrincada
e que se borre o seu nome nunha xeración.
14Que o Señor teña en conta as culpas do pai
e que non borre os pecados da nai.
15Que o Señor os teña diante
e que tache da terra a súa memoria.
16Xa que nunca pensou en facer ben,
perseguiu ó pobre e ó humilde,
e empurrou á morte o angustiado.
17Xa que prefire a maldición, que veña sobre el,
xa que non quere bendición, que se lle aparte.
18Véstese de maldición coma dun traxe:
que coma a auga lle entre nas entrañas,
coma o aceite nos ósos;
19que sexa o manto que o cobre,
e o cinguideiro que o cingue!
20Dea o Señor este pago ós que me acusan,
ós que pronuncian calumnias contra min.
21Pero ti, Señor, o meu dono,
actúa, polo teu nome, en favor meu,
líbrame, conforme ó teu amor.
22Eu son humilde e pobre,
e co corazón ferido.
23Voume coma a sombra que devala,
espantado, como a lagosta.
24Os meus xeonllos cambalean co xaxún,
o meu corpo anda esmorecido.
25Fan burla de min,
ó verme, abanean a cabeza.
26Señor, meu Deus, axúdame,
sálvame, conforme ó teu amor.
27Saberase que a túa man está aquí
e que es ti, Señor, quen o fai.
28Que maldigan, con tal que ti bendigas:
ergueranse eles para vergonza,
mentres se alegra o teu servo.
29Vestiranse de vergonza os meus acusadores,
cubriranse de confusión coma dun manto.
30Eu dareille as grazas ó Señor,
loareino ante a multitude.
31El ponse á dereita dos pobres
para os librar dos seus xuíces.
Currently Selected:
Salmos 109: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT