Skip to content

Nehemías 6

6
Remate da muralla
1Cando Sambalat, Tobías, o árabe Guéxem e o resto dos nosos inimigos souberon que tiñamos rematada a construción da muralla e que xa non quedaba nela ningunha fenda —só as follas das portas estaban sen colocar—, 2Sambalat e Guéxem mandaron dicirme:
—"Ven. Vamos ter unha entrevista contigo en Kefirim, no val de Onó".
É que tiñan pensado facerme mal. 3Eu mandeilles mensaxeiros para dicirlles:
—"O que eu fixen é unha obra considerable, e non me é posible baixar. Por que se vai ter que deter a obra para baixar onda vós?"
4Eles enviáronme catro veces o mesmo recado, e eu deilles a mesma resposta.
5Por quinta vez chegoume a mesma mensaxe, por medio do servidor de Sambalat, que traía na man unha carta aberta. 6Nela estaba escrito: —"Óese rumorear entre as xentes, e así o afirma Guéxem, que ti e mais os xudeus tedes o pensamento de vos sublevar e que con tal motivo levantas ti a muralla para devir o seu rei. 7Nomeaches tamén co mesmo fin profetas en Xerusalén para que proclamen: Hai un rei en Xudá. É ben seguro que o vai saber o emperador. Ven, pois, e decidiremos xuntos o que convén facer". 8Respondinlles:
—"Non hai cousa que estea de acordo con canto ti dis. Iso inventáchelo ti mesmo".
9Todos eles, de certo, queríannos meter medo, pensando: —"Van parar a obra, que non rematará endexamais". Eu con iso aínda collín máis ánimos. 10Fun á casa de Xemaías, fillo de Delaías, fillo de Mehetabel, pois estaba impedido. Dixo:
—"Xuntémonos na casa de Deus, no medio do templo, e pechemos as súas portas, porque van vir matarte".
11Eu respondín:
—"Un home coma min emprenderá a fuga? E que home hai que poida entrar no templo e vivir? Non entrarei, non".
12Deime conta, en efecto, que non fora Deus quen o enviara. Fíxome esa profecía subornado por Tobías e Sambalat, 13para que, cheo de pavor, obrase desa forma, cometendo un gran pecado. Terían entón eles motivo para me denigraren, téndome por un blasfemo.
14—"Lémbrate, oh Deus, de canto Tobías e Sambalat fixeron, e tamén da profetisa Noadías e dos outros profetas que me querían poñer medo".
15A muralla rematouse o vinte e cinco do mes de Elul, en cincuenta e dous días.
16Cando o souberon os nosos inimigos, todas as nacións veciñas foron presa de gran temor e víronse humilladas ós seus propios ollos. Recoñeceron que esta obra fora feita por vontade divina. 17Foi tamén por ese tempo cando os notables de Xudá mandaran moitas cartas a Tobías e recibían del outras tantas. 18Pois moitos xudeus xuramentáranse con el por ser o xenro de Xecanías, fillo de Arah, e porque o seu fillo Iehohanán casara coa filla de Mexulam, fillo de Berequías. 19Facían, incluso, o seu eloxio na miña presenza, e levábanlle as miñas palabras. Tobías enviara cartas para poñerme medo.