YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 13

13
Parábola do sementador (Mc 4, 1-9; Lc 8, 4-8)
1Naquel día Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar. 2Tanta era a xente reunida ó pé del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na beira. 3E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
Dunha vez saíu un labrego a sementar. 4E ó botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. 5Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; 6pero non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou. 7Outra parte caeu na silveira, e ó medraren as silvas afogárona. 8Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. 9Quen teña oídos que escoite!
O motivo das parábolas (Mc 4, 10-12; Lc 8, 9-10)
10E achegándose os discípulos dixéronlle:
Por que lles falas en parábolas?
11El respondeulles:
Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino dos Ceos, pero a eles non. 12Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten aínda o que ten se lle quitará. 13Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando, non oen nin entenden. 14Cúmprese así neles o que profetizara Isaías dicindo:
Oír, oiredes, pero non entenderedes;
ollar, ollaredes, pero non veredes.
15Porque o corazón deste pobo está insensibilizado:
endureceron os seus oídos
e pecharon os seus ollos,
para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos,
nin entenderen co seu corazón nin se converteren
para que eu os cure.
16Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e mais os vosos oídos, porque oen! 17Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ver o que vós vedes, e non o viron, e oír o que vos oídes, e non o oíron.
Explicación da parábola do sementador (Mc 4, 13-20; Lc 8, 11-15)
18Escoitade, logo, vós a parábola do sementador: 19Sempre que un escoita a Palabra do Reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón: esa é a que caeu no camiño. 20O que caeu entre as pedras, vén ser aquel que, escoitando a Palabra, de seguida a recibe con alegría; 21pero, ó non ter raíz e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandona. 22O que cae na silveira, vén ser aquel que escoita a Palabra; pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito. 23Pero o que foi sementado en boa terra, vén ser aquel que escoita a Palabra e a comprende: este si que dá froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.
Parábola do xoio no medio do trigo
24E contoulles outra parábola:
Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. 25Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. 26Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.
27Os criados do dono fóronlle dicir: "Señor, ti non sementaras boa semente na túa leira? De onde lle vén, logo, o xoio?" 28El contestoulles: "Isto é obra dun inimigo".
Os criados preguntáronlle: "Queres que o vaiamos arrincar?" 29El respondeulles: "Non, non sexa que ó collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. 30Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir ós segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en mollos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".
Parábola do gran de mostaza e mais do fermento (Mc 4, 30-32; Lc 13, 18-21)
31E contoulles outra parábola:
O Reino dos Ceos é semellante a un gran de mostaza que un home sementou na súa horta. 32A mostaza vén sendo a máis pequerrecha de todas as sementes; pero cando medra chega a ser meirande ca todas as hortalizas, converténdose nunha árbore; de tal xeito, que mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas pólas.
33Díxolles outra parábola:
O Reino dos Ceos é semellante ó fermento que unha muller amasou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
34Todo isto lle falou Xesús en parábolas á xente, e nada lle falaba que non fose por medio de parábolas. 35De xeito que se cumprise o que dixera o profeta:
Abrirei a miña boca para dicir parábolas,
proclamarei cousas escondidas desde que o mundo é mundo.
Explicación da parábola do xoio
36Entón, deixando á xente, foise para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:
Explícanos a parábola do xoio na leira.
37El respondeu:
O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; 38A leira é o mundo; a boa semente son os fillos do Reino; o xoio son os fillos do Malo. 39O inimigo que a sementa é o Satán; a sega é a fin do mundo e os segadores son os anxos. 40E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo. 41Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino todos os escándalos e a todos os que fan o mal; 42e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. 43Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite.
Parábola do tesouro, da perla e mais da rede
44O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira: o home que o atopou vólveo a agachar; e, cheo de alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira.
45Tamén se parece o Reino dos Ceos a un tratante de perlas finas: 46en atopando unha de grande valor, foi vender canto tiña e mercouna.
47Do mesmo xeito é semellante o Reino dos Ceos a un aparello de rapeta largado no mar, que recolleu peixes de todas as castes. 48Unha vez cheo, tiran por el para a ribeira e, sentados, escollen os bos nun queipo e os malos tiran con eles. 49Así será na fin do mundo: sairán os anxos e arredarán os malos dos xustos 50para botalos no forno do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes.
51Entendedes todo isto?
Eles responderon:
Entendemos.
52El concluíu:
Por iso todo letrado que se fai discípulo do Reino dos Ceos parécese ó dono dunha casa que saca das súas arcas o novo e mais o vello.
Xesús en Nazaret (Mc 6, 1-6; Lc 4, 16-30)
53E resulta que cando Xesús acabou de expoñer estas parábolas marchou de alí, 54indo para a súa terra. Alí con tal xeito lles ensinaba na sinagoga que dicían abraiados:
De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres? 55Non é o fillo do carpinteiro? Non se chama María súa nai; e seus irmáns Santiago, Xosé, Simón e Xudas? 56E súas irmás non viven connosco? Entón de onde lle vén todo isto?
57Estaban realmente escandalizados por causa del. Pero Xesús díxolles:
A un profeta só o aceptan mal na súa terra e na súa casa.
58E alí non fixo moitos milagres pola falta de fe daquela xente.

Currently Selected:

Mateo 13: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in