YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 49

49
Oráculo de castigo contra os amonitas
1Acerca dos amonitas, así fala o Señor:
Acaso Israel non ten fillos?
Acaso non ten herdeiro?
Por que Milkom herdou Gad
e o seu pobo vive nas cidades de Gad?
2Por isto: velaí veñen días
—é o Señor quen fala—
nos que farei oír berros de guerra
contra a capital dos amonitas,
que se converterá nun outeiro de desolación,
e as súas cidades filiais serán incendiadas con lume,
mentres Israel herdará dos herdeiros deles
—dío o Señor—.
3Fai lamentacións, Hexbón, pois, ai, está devastada;
gritade, cidades filiais da capital, Rabah,
vestídevos de saco, facede loito,
andade dun lado para o outro entre muros.
Pois Milkom vai á catividade
xunto cos seus sacerdotes e xefes.
4Por que te glorías da túa forza?
A túa forza amolece, filla rebelde
que confía nas súas riquezas:
"Quen virá contra min?".
5Eu traerei contra ti o terror
de parte de todos os teus veciños
—quen fala é o Señor, Deus dos Exércitos—.
Seredes expulsados, cada un pola súa parte,
e non haberá quen xunte ós que escapan.
6Pero despois disto volverei a traer ós desterrados, fillos de Amón
—é o Señor quen fala—.
Oráculos de castigo contra Edom
7Acerca de Edom, así fala o Señor dos Exércitos:
—Xa non hai sabedoría en Temán?
Faltoulles ós intelixentes o consello?
Corrompeuse a súa sabedoría?
8—Escapade, dade a volta, cavade foxos onde morar,
habitantes de Dedán;
é a calamidade de Esaú o que traio contra Dedán,
é o intre no que eu lle pedirei contas.
9Cando entren en ti os vendimadores,
non deixarán acio ningún;
cando entren de noite os ladróns,
destruirán canto lles cumpra.
10Serei eu quen descubra a Esaú,
quen poña á vista os seus escondedoiros,
de xeito que non se poida ocultar.
Está destruída a súa descendencia e a súa parentela,
os seus veciños xa non os ten.
11—Abandona ós teus orfos, que eu os farei vivir,
e as túas viúvas confiarán en min.
12Certo, si, así fala o Señor:
Os que non teñen a condena de beber a copa,
certo que a beberán:
e vas ser ti quen se libre do castigo?
Non te librarás, senón que sen remedio a beberás.
13Pois xuro por min mesmo
—é o Señor quen fala—
que Bosrah se converterá nunha desolación,
nunha morea de ruínas, nun ermo e nun obxecto de maldición,
e todas as súas cidades se converterán nun ermo perpetuo.
14Oín unha mensaxe de parte do Señor,
e un mensaxeiro foi mandado ás nacións:
"Xuntádevos, subide contra ela;
en pé, á guerra!".
15Velaí: convértote no máis pequeno dos pobos,
no máis desprezable da humanidade.
16O espanto que produces enganoute,
a temeridade do teu corazón.
—Vive nas fendeduras das penas!
Agárrate á cima dos montes!
Aínda que levantes coma a aguia o teu niño,
heite baixar de alí —é o Señor quen fala—.
17Edom volverase unha desolación: todo o que pase por el
suspirará e asubiará en presenza das súas feridas,
18igual que en presenza da destrución de Sodoma e Gomorra
e das súas cidades veciñas —dío o Señor—.
Ninguén vivirá alí,
ningún fillo de home morará nela.
19Velaí un león que sobe da fraga do Xordán:
á súa morada heino volver,
heino espantar e facer correr desde alí.
Cal é o escollido de entre o seu exército, que o hei castigar?
Pois quen hai coma min? Quen me desafía a un xuízo?
Quen é o pastor que se mantén de pé na miña presenza?
20Por isto, escoitade o plan do Señor,
o que el formulou contra Edom,
e as decisións que tomou contra os habitantes de Temán.
É ben certo que os arrasarán os pastoriños do rabaño,
si, a súa morada quedará destruída ante estes.
21Co estrondo da súa caída tremará o país, que clamará
e desde o mar dos Xuncos se oirá o seu clamor.
22Velaí unha aguia que subirá e planeará,
estenderá as súas ás sobre Bosrah;
o corazón dos soldados de Edom volverase no día aquel
coma o corazón dunha muller nas angustias do parto.
Oráculo de castigo contra Damasco
23Sobre Damasco:
—Están cubertos de vergonza Hamat e Arpad,
pois oíron unha mala noticia,
asustounos o Monstro mariño,
a angustia que non se pode calmar.
24Quedou sen forzas Damasco,
dá volta para escapar,
o terror apodérase del,
angustias e dores apodéranse del coma dunha muller en parto.
25Como estará abandonada a cidade renomeada, a vila alegre!
26Certo, caerán os seus soldados nas súas prazas,
e todos os homes de guerra perecerán no día aquel
—oráculo do Señor dos Exércitos—.
27Prendereilles lume ás murallas de Damasco,
e consumirá os palacios de Ben—Hadad.
Oráculo de castigo contra Quedar e os árabes
28Así fala o Señor acerca de Quedar e dos reinos de Hasor,
que destruíu Nabucodonosor, rei de Babilonia:
—En marcha! Subide contra Quedar,
devastade as tribos de Oriente.
29Collan as súas tendas e mais os seus rabaños,
as súas cidades e todos os seus útiles;
apodérense dos seus camelos e bérrenlles:
"Pavor por todas partes".
30Fuxide, escapade da calamidade,
cavade moradas, habitantes de Hasor
—é o Señor quen fala—,
pois Nabucodonosor, rei de Babilonia,
maquinou un plan contra vós,
tomou decisións contra eles.
31En marcha! Subide contra o pobo descoidado,
que vive na tranquilidade
—é o Señor quen fala—,
sen dobre porta e sen ferrollo;
viven sós.
32Os seus camelos servirán de botín,
e a multitude dos seus rabaños servirá de ganancia;
dispersareinos a todos os ventos coas tempas rapadas
e de todas as rexións traereilles a súa calamidade
—é o Señor quen fala—.
33Hasor converterase en morada de serpes monstruosas,
nunha desolación para sempre.
Ninguén habitará máis alí,
e non residirá nela home ningún.
Oráculo de castigo contra Elam
34Cando lle veu a palabra do Señor a Xeremías acerca de Elam nestes termos, foi no comezo do reinado de Sedecías, rei de Xudá.
35—Así fala o Señor dos Exércitos:
Velaí vou eu romper o arco de Elam,
o mellor das súas forzas varudas;
36vou traer contra Elam os catro ventos
dos catro cantos do ceo:
dispersareinos con todos os ventos,
e xa non existirá máis este pobo,
porque non volverá máis alí,
desterrado para sempre.
37Farei tremer a Elam ante os seus inimigos,
ante os que buscan acabar coa súa vida;
traerei sobre eles unha desgraza,
o incendio da miña ira
—é o Señor quen fala—.
Mandarei tras eles a espada,
ata que eu acabe con eles.
38Poñerei o meu trono en Elam,
farei desaparecer de alí ó rei e ós ministros
—é o Señor quen fala—.
39Pero, ó andar dos días, volverei do revés a catividade de Elam
—é o Señor quen fala—.

Currently Selected:

Xeremías 49: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in