YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 48

48
Xuízo de castigo divino contra Moab
1Acerca de Moab, así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
Ai do poder do Nebó! Está arrasado.
Ai da súa capital! Está arrasada e conquistada.
Ai da súa fortaleza, desolada e desfeita!
2Xa desapareceu o renome de Moab.
Desde Hexbón proxectaron desgrazas contra el:
"Vaiamos e eliminémolo de entre os pobos".
Desde Dimón chorarás a berros,
pois perséguete a espada.
3Desde Horonaim veñen gritos pedindo socorro,
grande ruína e devastación.
4Moab está devastada,
os seus aflixidos fan oír grandes clamores.
5Quen excita as súas meixelas
con choro aumenta o choro.
O rebelarse contra os seus vieiros angustiosos
escoita os gritos de desolación:
6Correde e salvade a vosa vida!
Sede no deserto coma o burro salvaxe.
7Velaí: por fiarte das túas obras
e dos teus tesouros,
tamén ti serás conquistada.
E Kemox irá ó desterro,
xunto cos seus sacerdotes e os seus príncipes.
8O conquistador entrará en todas as cidades,
e ningunha cidade escapará.
Perderase a veiga,
será devastada a chaira
—é a sorte que dixo o Señor—.
9Dádelle sal a Moab,
pois certo que se renderá.
As súas cidades volveranse unha desolación,
por falta de quen habite nelas.
10Maldito quen cumpre o encargo do Señor con pouco xeito,
maldito quen retén a súa espada apartada do sangue.
11Moab está en paz desde a súa xuventude,
descansa tranquilo coma o viño na súa borra,
pois non foi trasfegado dunha cuba a outra:
ó desterro non foi;
por isto permanece nel o sabor,
e o aroma non se alterou.
12Pois ben, velaí chegan días
—é o Señor quen fala—
nos que lle mandarei trasfegadores que o trasfeguen;
derramarán as cubas
e esnaquizarán as cántaras de barro.
13Moab avergonzarase de Kemox,
como a casa de Israel se avergonzou de Betel,
o motivo da súa confianza.
14Como vos atrevedes a dicir: Nós somos valentes,
homes fortes para a guerra?
15O devastador do Moab e das súas cidades sobe,
o escollido dos seus soldados baixa ó matadoiro
—oráculo do Rei, que ten por nome Señor dos Exércitos—.
16A desgraza de Moab está a punto de chegar,
o seu desastre vén á présa desde as augas abismais.
17Chorade por el todos os seus veciños,
todos os que coñecedes o seu renome.
Dicide: Como se partiu a vara de mando,
o cetro da gloria!
18Baixa do trono, senta no chan seco,
poboación da filla de Dibón,
porque o devastador de Moab sobe contra ti,
destrúe as túas cidades ben muradas.
19Mantente firme no camiño,
e estate en vela, poboación filla de Aroer,
pregúntalles ó fuxitivo e ó que escapa, e dilles:
"Que pasou?".
20Moab está avergonzada, está tan horrorizada:
—Laméntate, pide auxilio;
anunciádeo no Arnón:
Moab está arrasada!
21Xa vén o xuízo de condenación sobre a terra chá:
Sobre Holón, Iasah, Mofeat,
22sobre Dibón, Nebó e Bet—Diblataim,
23sobre Quiriataim, Bet Gamul, Bet Meón,
24sobre Queriot e Bosrah,
e sobre todas as cidades do país de Moab,
as de lonxe e as de cerca.
25Partiu o corno de Moab,
e o seu brazo rompeu —é o Señor quen fala—.
26Emborrachádea, pois a súa débeda co Señor fíxose grande;
que caia Moab no seu vómito,
que se converta en obxecto clamoroso de riso para ti.
27Acaso Israel non foi para ti o mesmo obxecto de riso,
cando se atopou entre ladróns?
Acaso non abaneaches a cabeza con burla,
todas cantas veces as túas verbas se dirixiron a ela?
28Deixade as cidades e vivide entre os penedos,
habitantes de Moab;
sede coma as pombas que aniñan ó outro lado dun barranco.
29Estamos informados da soberbia do orgulloso Moab,
crecen a súa insolencia e o seu orgullo,
a súa presunción e mais a altivez do seu corazón.
30Eu coñezo a súa arrogancia —é o Señor quen fala—:
inxustiza é o que fan coas súas mans.
31Por isto lamentareime por Moab, clamarei por todo Moab,
haberá pranto polos homes de Quir—Heres.
32Máis cós choros por Iazer,
chorarei eu por ti, viña de Sibmah:
os teus bacelos traspasan o mar,
máis aló do mar chega a túa axuda;
pero o devastador caerá sobre a túa colleita e a túa vendima.
33Desaparecerá o gozo e a alegría
das viñas e das chairas de Moab.
Acabarei co viño das súas cubas;
o trono da tormenta si que o avolverá,
un trono e mais dous tronos.
34Os berros de auxilio de Hexbón chegan ata Elaleh, ata Iahás. Lanzan os seus gritos desde Soar ata Horonaim, a xovenca de tres anos; pois mesmo as fontes de Nimrim se volven unha desolación.
35En Moab acabarei —é o Señor quen fala—
con quen ofrece holocaustos
nas ermidas dos outeiros,
e con quen queima incenso ós seus deuses.
36Por isto o meu corazón axítase por Moab como unha frauta
e como unha frauta xeme o meu corazón polos homes de Quir—Heres,
por isto o máis precioso da arada volverase un ermo.
37Velaí toda cabeza pelada; e toda barba rapada;
en todas as mans incisións; e sobre os riles os sacos;
38en todas as terrazas de Moab e en todas as súas prazas
todo é unha lamentación,
pois eu esnaquicei a Moab coma cacharro inútil
—é o Señor quen fala—.
39Que horrorizada está! Lamentádevos!
Como volve as costas Moab avergonzada!
Converteuse na burla e no escarnio de todos os seus veciños.
40Así fala o Señor:
Velaí, coma unha aguia voa e estende as súas ás contra Moab.
41As súas cidades serán conquistadas, e as súas fortalezas tomadas.
No día aquel o corazón dos soldados de Moab
será coma o corazón dunha muller nas angustias do parto.
42Moab deixará de ser un pobo,
porque se ensoberbeceu contra o Señor,
43O terror, o pozo e o cepo están ante ti,
habitante de Moab —é o Señor quen fala—.
44Quen escapa da presenza do terror, cae no pozo;
e quen sobe do pozo é collido no cepo.
Eu fago vir sobre el, sobre Moab,
o ano das súas contas —é o Señor quen fala—.
45O amparo de Hexbón detéñense os fuxitivos sen forzas,
de Hexbón sae lume,
e chamas saen do neutral Sihón,
devoran a cabeza de Moab polos dous lados
e o cranio dos fillos da destrución.
46Ai de ti, Moab! Está perdido o pobo de Kemox.
Os teus fillos son levados á catividade,
e as túas fillas ó desterro.
47Pero ó cabo duns anos volverei a traer ós desterrados de Moab
—é o Señor quen fala—.
Ata aquí o xuízo de Moab.

Currently Selected:

Xeremías 48: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xeremías 48