YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 42

42
1Entón todos os xenerais das tropas, en especial Iohanán, fillo de Caréah, e Iezanías, fillo de Hoxaías, e todo o pobo desde o máis pequeno ata o máis grande, achegáronse 2A Xeremías, o profeta, para lle dicir:
Que a nosa súplica sexa ben recibida por ti; reza por nós ó Señor, o teu Deus, por este resto, pois de moitos quedamos uns poucos, como os teus ollos están a ver. 3Que o Señor, o teu Deus, nos mostre o camiño que temos que seguir, e as cousas que debemos facer.
4Entón Xeremías, o profeta, repúxolles:
—De acordo. Vou interceder ante o Señor, o voso Deus, de acordo coas vosas súplicas, e todo canto o Señor vos responda, héivolo de comunicar; non vos gardarei oculto nada.
5E eles dixéronlle a Xeremías:
—Que o Señor sirva de testemuña verdadeiro e fiel contra nós, se nós obramos conforme a todas as palabras que o Señor, o teu Deus, che comunique a ti para nós: 6Sexa favorable ou desfavorable, farémoslle caso á voz do Señor, noso Deus, o digno de confianza a quen nós te mandamos, para que a sorte nos sexa boa. De certo, farémoslle caso á voz do Señor, o noso Deus.
Oráculos de resposta profética
7E ó cabo de dez días veulle a palabra do Señor a Xeremías, 8quen chamou a Iohanán, fillo de Caréah e a todos os xenerais das tropas que estaban con el e a todo o pobo desde o máis pequeno ata o máis grande, 9e díxolles:
—Así fala o Señor, Deus de Israel, a quen vós me mandastes presentarlle a vosa súplica:
10Se volvedes a habitar neste país,
eu construireivos e non vos destruirei,
plantareivos e non vos arrincarei;
Moito sinto o mal que vos fixen!
11Non lle teñades medo ó rei de Babilonia,
a quen agora estades temendo;
non lle teñades medo —é o Señor quen fala—:
vede: eu estou convosco
para salvarvos e para librarvos da súa man.
12Infundireille misericordia para con vós e compadecerase de vós e deixaravos habitar na vosa terra.
13Pero vós estades a dicir: "Non viviremos neste país" —desobedecendo a voz do Señor, o voso Deus. 14Isto é que dicides: Resistamos, pois iremos ó país de Exipto,
onde nin veremos a guerra, nin escoitaremos a voz da trompeta, nin pasaremos fame de pan e onde viviremos". 15Por iso, escoitade agora a palabra do Señor, resto de Xudá:
Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
se vós vos empeñades en ir a Exipto,
e se ides para habitar alí,
16A espada da que vós tendes medo estará alí,
alcanzaravos a vós no país de Exipto;
e a fame, que tanto medo vos dá,
perseguiravos deica Exipto, e morreredes alí.
17Alí estarán todos os homes que decidiron marchar a Exipto,
para viviren alí,
morrerán pola espada, de fame e de peste,
e non quedará deles supervivente,
nin escapado da presenza do desastre que eu mandarei contra eles.
18Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
O mesmo que a miña ira e o meu noxo se verteron
sobre os habitantes de Xerusalén,
así tamén se verterá a miña ira sobre vós,
cando entredes en Exipto;
serviredes de fórmula de imprecación
e de exemplo de desolación, de maldición e de inxuria,
e non volveredes a ver este lugar.
19O Señor divos a vós, resto de Xudá:
Non vaiades a Exipto.
Que vos quede ben sabido, que eu me converto hoxe en testemuña contra vós.
20Certamente fun enganado por vós mesmos, pois mandástesme onda o Señor, o voso Deus, dicindo: "Intercede por nós ante o Señor, o noso Deus, e todo canto o Señor o noso Deus che diga, móstranolo, que o faremos". 21Mostréivolo hoxe, pero vós non lle facedes caso nin á voz do Señor, o voso Deus, nin a todo o que el mandou dicirvos. 22Pois agora tende ben sabido que morreredes pola espada, de fame e de peste no lugar a onde quixestes ir vivir.

Currently Selected:

Xeremías 42: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xeremías 42