Skip to content

Xudit 2

2
Campaña occidental
1O ano dezaoito, o vinte e dous do primeiro mes, celebrouse un consello no pazo de Nabucodonosor, referente a tomar vinganza contra toda aquela terra, de acordo co xa decretado. 2Convocou a todos os seus ministros e magnates e expúxolles os seus planos secretos, disposto a poñer por obra a maldade que a súa boca proferira contra esa terra. 3O parecer de todos foi que se acabase con cantos non quixeron prestar oídos ós decretos do rei.
4Rematado o consello, Nabucodonosor, rei dos asirios, chamou a Holofernes, xefe supremo do exército, que era o segundo despois del, e díxolle:
5—"Isto ordena o gran rei, o dono de toda a terra: parte de onda min, leva canda ti homes aguerridos, ata cento vinte mil infantes e doce mil xinetes cos seus cabalos; 6Arremete contra toda a terra occidental, pois desobedeceron a orde da miña boca. 7Ordénalles que poñan á túa disposición a terra e a auga, xa que no meu furor sairei contra eles e cubrirei toda a face da terra cos pés dos meus soldados, entregándoa ó saqueo; 8e os seus feridos encherán os barrancos e os torrentes e mais os ríos, que se desbordarán con tantos mortos; 9e deportareinos ata os confíns da terra. 10Empeza por ocupar o seu territorio, e, se se renden, resérvamos para o día do castigo; 11mais para os rebeldes, que non haxa perdón, antes sexan entregados á morte e ó saqueo, en todas as terras que conquistes. 12Pois, pola miña vida e pola forza do meu imperio, tal como o dixen así o cumprirei pola miña propia man. 13Ti non deixes de executar nin unha soa palabra do teu señor; fai enteiramente tal como che mando, sen te demorares".
14Aínda ben non saíu Holofernes da presenza do seu señor, aconsellouse con todos os magnates, xenerais e capitáns do exército asirio; 15elixiu os homes máis aptos para a guerra, como llo ordenara o seu señor; uns cento vinte mil homes e doce mil arqueiros a cabalo, 16e púxoos en orde, como se ordenan as multitudes para a guerra. 17Tomou, ademais, camelos, asnos e mulos para a bagaxe e un número incontable de ovellas, bois e cabras, para o avituallamento; 18provisións abondas para cada home, e así mesmo moito ouro e prata do tesouro do rei.
19Despois de todo isto, púxose Holofernes en marcha co seu exército; e, adiantándose ó rei Nabucodonosor, cubriu toda a face da terra cos seus carros, xinetes e infantes escollidos, 20e xuntóuselles unha multitude tan numerosa como a lagosta, incontable coma o po da terra, que non se podía contar.
Etapas do exército de Holofernes
21Saíu de Nínive e camiñou durante tres xornadas pola chaira de Bectilez, e asentou o seu campamento desde Bectilez ata cerca da montaña, á esquerda da Cilicia superior. 22E, tomando todo o seu exército, infantes, cabalos e carros, partiu de alí cara á montaña. 23Aniquilou a Fud e Lud, devastou a todos os fillos de Rassis e os fillos de Ismael, que habitan á beira do deserto, ó sur de Xeleón, 24Atravesou o Éufrates, percorreu a Mesopotamia, tomou por asalto todas as cidades altas do torrente Abroná e chegou ata o mar.
25Apoderouse do territorio de Cilicia, derrotando a cantos se lle opuxeron, e chegou ata os confíns de Iafet pola parte do mediodía, fronte a Arabia. 26E cercou a todos os madianitas, e prendeulles lume ás súas tendas, e saqueou os seus cortellos. 27Baixou logo á chaira de Damasco polos días da seitura, incendiou todos os campos, destruíu os seus rabaños e vacadas, saqueou as súas cidades, arrasou as súas campiñas e pasou polo gume da espada a todos os mozos. 28Un gran temor e tremor apoderouse de toda a costa, dos moradores de Sidón e de Tiro e dos habitantes de Sur e Oquiná, os de Iamnia, Axdod e Axquelón: todos tremían co medo.