YouVersion Logo
Search Icon

Isaías 66

66
Segundo despregue apocalíptico: o Señor desde o seu trono celeste olla para os que tremen ante as súas palabras
1Así fala o Señor:
"O ceo é o meu trono e a terra é o estrado dos meus pés.
Cal é a casa que me ides construír?
Cal é o lugar do meu descanso?
2Si, todas estas cousas fíxoas a miña man.
Aí están todas elas!
é o Señor quen fala.
Pero hei de ollar por este, polo pobre,
polo abatido de espírito
e que treme ante as miñas palabras".
Xuízo de castigo contra os idólatras
3Sacrifícase un touro e tamén se mata a un home,
sacrifícase un año e tamén se descroca un can.
Presentase en ofrenda o sangue de porco,
faise unha lembranza con incenso
e tamén se bendí un ídolo.
Certo que eles escolleron os seus vieiros,
e o seu gusto compraceuse nas abominacións.
4Certo que eu escollerei os malos tratos para eles,
e traereilles terrores para eles,
porque chamei e ninguén respondeu,
falei e non fixeron caso,
senón que fixeron o mal ós meus ollos,
e escolleron o que non me gusta.
Sión dá a luz un pobo nun só día
5Escoitade a palabra do Señor,
os que tremedes coa súa palabra.
Os vosos irmáns que vos aborrecen
e que vos rexeitan por causa do meu nome
dixeron:
"Que o Señor mostre a súa gloria
para que vexamos a vosa ledicia",
pero eles quedarán avergonzados.
6Berros de tumulto saen da cidade,
berros saen do templo.
Berros! O Señor estalles pagando a débeda ós seus inimigos.
7Antes de se retorcer de dor, deu a luz,
antes de que lle chegasen as dores do parto,
deu a luz un home.
8Quen oíu cousa como esta?
Quen viu cousas como estas?
Párese unha cidade nun só día?
Dáse a luz un pobo dunha soa vez?
Sión, si que estivo de parto,
certo que deu a luz os seus fillos!
9Vou eu facer abrir a matriz
e non vou facer que paira?
—fala o Señor—.
Eu, o que fai parir, vou pechar a matriz?
—fala o teu Deus—.
As glorias e bendicións de Xerusalén
10Alegrádevos con Xerusalén,
e brincade de ledicia por ela,
todos os que a amades.
Exultade con xúbilo con ela
todos os que vos enloitastes por causa dela,
11porque mamaredes
e fartarédesvos do peito das súas consolacións,
porque zugaredes e gozaredes do seo da súa riqueza.
12Porque así fala o Señor:
"Ollade que eu estendo ata ela a fartura coma un río,
si, coma un río desbordado a riqueza das nacións.
Vós mamaredes, no colo seredes levados,
sobre os xeonllos seredes aloumiñados.
13Coma un neno, a quen súa nai consola,
así vos consolarei eu.
Si, en Xerusalén seredes consolados.
14Entón veredes que se alegra o voso corazón
e que os vosos ósos florecen coma un campo".
A man do Señor daráselles a coñecer ós seus servos
e o noxo do Señor daráselles a coñecer ós seus inimigos.
Terceiro despregue apocalíptico: xuízo de castigo divino contra os idólatras
15Pois velaí o Señor, chega coma o lume,
e os seus carros coma o furacán,
para converter a súa ira en furia
e o seu noxo en chamas de lume.
16En verdade o Señor móstrase xusto xuíz
respecto de toda carne co lume e coa espada
e multiplicaranse os abatidos polo Señor,
17os que se santifican e se purifican (indo) ós xardíns detrás dun que está no medio, comen carne de porco, animais abominables e ratos,
as súas obras e os seus plans perecerán a unha —é o Señor quen fala—.
As nacións pagás serán as testemuñas e os pregoeiros da gloria do Señor
18Eu chego para xuntar todos os pobos e as linguas, para que veñan e vexan a miña gloria.
19Porei no medio deles un sinal e mandarei os superviventes de entre eles ás nacións:
a Tárxix, a Pul e a Lud, ós que tensan o arco, a Tubal e a Iaván,
ás remotas nacións costeiras que non oíron o meu renome, nin viron a miña gloria.
Eles manifestarán a miña gloria entre os pobos. 20Eles traerán a todos os seus irmáns coma ofrenda para o Señor, en cabalos e en carros, en liteiras, en mulos e en dromedarios, ata o meu santo monte de Xerusalén —dío o Señor—, así como os fillos de Israel traen ó templo do Señor a ofrenda en vasillas limpas. 21Tamén collerei a algúns deles para sacerdotes e levitas —dío o Señor—.
No novo mundo todos se prostrarán na presenza do Señor
22Así, o mesmo que o ceo novo e a terra nova que vou crear permanecerán na miña presenza —é o Señor quen fala—, así permanecerá a vosa descendencia e o voso nome.
23Resultará que desde a lúa nova ata a outra lúa nova e desde o sábado ata outro sábado, virá todo o mundo prostarse na miña presenza —dío o Señor—.
24Eles sairán e verán nos cadáveres dos homes que se rebelaron contra min que o seu verme non morre e que o seu lume non se apaga, e serán o noxo de todo o mundo.

Currently Selected:

Isaías 66: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in