YouVersion Logo
Search Icon

Isaías 59

59
O pecado impide a chegada da Salvación, que virá certamente
1Velaí a man do Señor:
non é tan curta que non poida salvar,
nin o seu oído tan duro que non oia,
2senón que as vosas iniquidades foron as que vos separaron do voso Deus,
e os vosos pecados tapáronlle a cara para non vos escoitar.
3Certamente as palmas das vosas mans están lixadas de sangue vertido,
e os vosos labios falan mentiras
e a vosa lingua murmura maldades.
4Non hai quen clame pola xustiza,
nin hai quen sexa xulgado con verdade,
confíase no caos e fálase a falsidade;
estase preñado de ruindade e párese a maldade.
5Chocan ovos de víbora e tecen teas de araña:
quen come eses ovos morre,
e quen creba un deses ovos choca unha víbora.
6As súas teas non serven para vestidos,
pois non tapan os seus feitos:
os seus feitos son traballos da maldade,
e obra da violencia hai nas súas mans.
7Os seus pés corren para o mal,
e apuran para verter sangue inocente.
Os seus plans son plans de maldade,
nos seus vieiros hai saqueo e arraso.
8O camiño da paz non o coñecen
e nos seus vieiros non hai xustiza,
torcen as súas vereas para o seu proveito,
todos corren a onde non se coñece a paz.
9Por isto a xustiza afastouse de nós,
e a moralidade non nos alcanzou.
Esperamos a luz e velaí a escuridade,
esperamos o esplendor e camiñamos nas tebras.
10Andamos coma cegos apalpando a parede,
si, coma o que non ten ollos andamos apalpando.
Tropezamos ó mediodía coma na escuridade,
estando entre os sans coma estando entre mortos.
11Todos nós bruamos coma osos, coma pombas arrolamos.
Esperamos a xustiza e non a hai,
esperamos a moralidade e afastouse de nós.
12Si, multiplicamos diante de ti as nosas rebeldías,
e os nosos pecados que testemuñan contra nós,
porque as nosas rebeldías están connosco
e as nosas iniquidades coñecémolas:
13Rebelarse, renegar do Señor,
retirarnos de seguir ó noso Deus,
falar da opresión e da apostasía,
estar preñado de maldade
e rosmar no corazón palabras mentireiras.
14A xustiza foi rexeitada para atrás,
e a moralidade está de pé lonxe,
pois a xustiza tropezou na praza
e a rectitude non é capaz de entrar,
15e a fidelidade está faltando
e o que se retira da maldade está sendo saqueado.
O Señor viuno e pareceulle mal que non houbese xustiza.
16Viu que non había ningún,
e admirouse de que ninguén intercedese,
pero foi o brazo do Señor quen o salvou,
e a súa xustiza foi quen o asistiu,
17pois revestiuse de xustiza ó xeito de coiraza
e a salvación foi o casco da súa cabeza;
puxo de vestido as roupas da vinganza
e cubriuse de celo coma mantón.
18Segundo a débeda dos feitos,
así impoñerei o castigo pola débeda:
noxo para os seus adversarios,
represalias para os seus inimigos,
as nacións costeiras castigaraas coa represalia.
19Desde o occidente respectarán o Nome do Señor,
e desde o nacente do sol a súa gloria,
pois virá como río apertado, que dirixe o Espírito do Señor.
20Virá para rescatar Sión,
e mais os de Xacob que se convertan da súa rebeldía —oráculo do Señor—.
21Olládeme aquí:
esta é a miña Alianza convosco —fala o Señor—:
o meu Espírito está sobre ti,
e as miñas palabras, que roxen na túa boca, non desaparecerán
da túa boca
nin da boca da túa descendencia
nin da boca da descendencia
da túa descendencia,
desde agora e para sempre —fala o Señor—.

Currently Selected:

Isaías 59: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in