YouVersion Logo
Search Icon

Isaías 57

57
1O xusto perece e non hai un que o considere.
Si, os homes de ben desaparecen, sen ninguén que o note.
Cando o xusto desaparece da presenza do malvado, 2chégalle a paz.
Que descanse nos seus lugares de repouso,
pois cada un deles camiñou dereito polo seu camiño!
Contra as prácticas idolátricas
3Eh, vós, achegádevos aquí, fillos da adiviña!
Raza adúltera, como te prostitúes!
4De quen vos burlades? A quen lle abrides a boca, (e) lle sacades a lingua?
Acaso non sodes vós, fillos da rebeldía, descendencia da mentira?
5Vós, que vos excitades sexualmente entre os terebintos,
debaixo de toda árbore enramada,
que degolades os fillos nos regueiros,
debaixo das fendeduras dos penedos.
6Os coios do río son o teu quiñón,
eles mesmos son a túa sorte,
tamén sobre eles vertiches a libación
e presentaches a ofrenda.
Voume consolar eu con estas cousas?
7Sobre o monte alto e levantado puxeches o teu leito,
tamén alí subiches para ofrecer o sacrificio.
8Si, detrás da porta e do marco puxeches o teu memorial,
pois mil veces te espiches e subiches ó teu leito para anchealo.
Si, fixeches con eles un pacto,
amaches os seus leitos, viches as súas vergonzas.
9Ti marchaches onda Mélec co teu aceite, aumentaches os teus perfumes, mandaches os teus mensaxeiros ata moi lonxe, fixéchelos baixar ata o Xeol.
10Co teu longo camiño cansaches, (pero) non dixeches: "Isto é desesperante".
(Logo) atopaches a vitalidade do teu sexo, por isto non estabas enfermo.
11De quen amedrentaches e temiches, por lle seres desleal?
Porque de min non te lembraches, nin sequera en min pensaches!
Acaso non foi porque estiven en silencio,
si, desde sempre, e por isto non me respectaches?
12Eu farei ver atúa xustiza e as túas obras, que non che axudarán.
13Cando ti clames para que te salven os que se xuntaron ó teu lado,
a todos eles levaraos o vento, un sopro arrebataraos.
Pero quen confíe en min herdará a cidade e posuirá o meu monte santo.
A salvación para os humildes e abatidos
14(O Señor) di:
"Amontoade, amontoade terra, achanzade o camiño,
levantade os atrancos do camiño do meu pobo".
15Porque así fala o Altísimo, o Excelso,
o que reside na sala do seu trono, que ten de Nome o Santo:
"Eu resido no templo celeste,
(pero) tamén co humillado e co de espírito abatido,
para reanimar o espírito dos abatidos,
e para revitalizar o corazón dos humillados.
16Certo que non me querelarei sempre,
nin estarei enfadado constantemente,
senón o espírito languidecería lonxe da miña presenza
e os viventes que eu creei.
17Alporiceime pola iniquidade da súa cobiza
e castigueino escondéndome no meu noxo,
18eu observaba o seu comportamento
e el, rebelde, seguía no comportamento do seu corazón.
Pero curareino e dareille descanso,
enchereino de consolacións,
e para os seus enloitados 19crearei un canto de loanza:
Paz, paz, para os de lonxe e mais para os de cerca
—fala o Señor—,
si, curareino".
20Pero os malvados serán coma o mar axitado,
que non é capaz de estar quedo,
con augas que botan lama e lodo.
21"Para os malvados —fala o meu Deus—
non haberá paz".

Currently Selected:

Isaías 57: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in