YouVersion Logo
Search Icon

Isaías 49

49
Segundo poema do Servo de Iavé: luz das nacións
1Escoitádeme, pobos da costa, facédeme caso nacións afastadas.
O Señor chamoume desde o seo, desde as entrañas da miña nai repetiu o meu nome.
2Puxo na miña boca coma unha espada afiada, escondeume na sombra da súa man,
converteume en frecha escolleita, gardoume na súa alxaba,
3e díxome: "Ti es o meu servo, Israel, de ti virame a sona".
4Pero eu dicía: "Cansei en balde, consumín a miña forza para nada,
pero a miña sentencia está onda o Señor, e a miña recompensa onda o meu Deus.
5Serei glorificado coa presenza do Señor, e o meu Deus será a miña forza".
Pois agora —fala o Señor que desde o seo da nai me formou para ser oseu servo,
para facer volver onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El—:
6"é moi fácil para ti ser o meu servo,
restablecendo as tribos de Xacob e facendo volver os protexidos de Israel,
pois convértote en luz das nacións,
e serás a miña salvación ata o confín da terra".
7Así fala o Señor, o Redentor de Israel, o seu Santo:
"A ti, o desprezado da xente, abominado do pobo, servo dos gobernantes, verante os reis e levantaranse; os príncipes prostaranse ante ti,
porque a ti te escolleu o Señor que é fiel, o Santo de Israel".
8Así fala o Señor:
"Nun momento de amor respondinche e no día da vitoria axudeite:
escollinte, e convertinte en alianza dun pobo,
para que levantes o país e repartas as herdanzas arrasadas,
9dicíndolle: Presos, saíde! Os que estades na escuridade, mostrádevos!
Pastarán á beira dos camiños e nos montes pelados terán os seus pasteiros,
10non terán fame nin sede, non lles dará o soán nin o sol:
quen ten compaixón deles guiaraos e conduciraos ás nacentes augas.
11Converterei as miñas montañas en vieiro, construiranse as miñas calzadas.
12Velaí chegan de lonxe: do norte, do poñente, e do país de Sinim".
Canto á consolación de Sión
13Exulta, ceo; brinca de ledicia, terra; que se fendan os montes coa alegría,
pois o Señor consolou o seu pobo, e compadeceuse dos seus pobres.
14Sión di: "Iavé non me abandonou, o Señor non se esqueceu de min".
15"Esquécese unha muller do seu meniño? Non se compadece do fillo das súas entrañas?
Aínda que ela se esqueza, eu non me esquecerei de ti.
16Velaí, estás escrito nas palmas das miñas mans,
as túas murallas están sempre ante min.
17Que apuren os que te reconstrúen, que marchen os que te arruinaron e arrasaron.
18Levanta os teus ollos arredor e olla: Todos eles se xuntan, veñen a ti.
Pola miña vida —é o Señor quen fala— que os vestirás a todos con mantos,
e que os cinguirás coma a unha noiva!
19Velaí as túas desolacións e as túas ruínas, velaí a túa capital destruída:
agora serás demasiado pequena para os teus habitantes!
Os mesmos que te devoraron farante máis grande.
20Os fillos que che quitaron volverán dicir ós teus oídos:
Non teño sitio: apertádevos por min, para que poida vivir aquí.
21E ti pensarás no teu corazón: Quen me deu estes?
Pois eu quedei sen fillos e estéril, desterrada e apartada. A estes quen os criou?
Velaí: eu quedei soa; estes de onde son?"
22Así fala o Señor Iavé:
"Velaí: eu ergo a miña man cara ós pobos, e levanto cara ós pobos a miña bandeira,
para que traian os meus fillos no colo, e as miñas fillas ó lombo.
23Entón reis serán os teus titores; e as súas princesas, as túas amas de cría.
Diante de ti prostrarán o rostro na terra, e lamberán o po dos teus pés.
Entón recoñecerás que eu son o Señor, porque non se avergonzarán os que esperan en min.
24Pódeselle quitar a presa a un heroe? Poderá escapar o cativo de quen o ten preso?"
25Porque así fala o Señor:
"Aínda que a presa lle sexa quitada ó heroe e o cativo escape do tirano,
eu preitearei con quen preitee contigo, e salvarei os teus fillos,
26farei que os teus opresores coman a súa propia carne,
e que beban o seu propio sangue coma viño doce.
Entón toda carne recoñecerá que eu son o Señor que te salvo,
o teu Redentor, o Valente de Xacob".

Currently Selected:

Isaías 49: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in