Isaías 3
3
Anarquía en Xerusalén: Xuízo da historia
1Si, velaí o Señor, Deus dos Exércitos:
retirará de Xerusalén e de Xudá bastón e apoio,
todo apoio de comida e todo apoio de bebida:
2capitán e soldado, xuíz e profeta, adiviño e senador;
3oficial e dignitario; conselleiro,
experto en bruxerías e coñecedor de feitizos.
4Poñereilles a rapaces por xefes,
gobernaranos uns meniños caprichosos.
5A xente atacará unha á outra,
cada un ó seu veciño;
o mesmo rapaz portarase aleivosamente co ancián venerable,
os ruíns cos nobres.
6Cada un usará a violencia contra o seu irmán, contra a propia familia:
"Tes un vestido, pois fai ti de xefe:
colle o mando desta ruína".
7O día aquel el erguerase para dicir:
"Eu non son albeite nin teño na miña casa pan nin vestido:
non me poñades de xefe do pobo".
8Velaí: derrúbase Xerusalén e cae Xudá,
velaí os seus ditos e os seus feitos contra o Señor,
rebelándose contra a súa presenza gloriosa.
9A estrañeza da faciana testemuña contra eles,
mostran coma Sodoma o seu pecado: non o encobren.
Ai deles! Como consuman a súa propia ruína!
10Ollade, que feliz o xusto!
Como consome o froito dos seus traballos!
11Ai do malvado! Que desgraciado!
Como actuarán contra el as obras das súas mans!
12Meu pobo, os que o oprimen son xente caprichosa:
gobérnano mulleres.
Meu pobo, os teus directores fante andar descarreirado,
enredan a dirección dos teus vieiros.
13O Señor está de pé para preitear,
está firme para xulgar o seu pobo.
14O Señor entra en preito cos senadores e príncipes do seu pobo:
"Vós arrasastes a viña: tendes nas vosas casas o roubado ós pobres.
15Que facedes? Esmagades o meu pobo,
e oprimides a faciana dos pobres?"
—Oráculo do Señor, Deus dos Exércitos—.
Contra o luxo das mulleres
16O Señor di:
"Xa que se ensoberbecen as fillas de Sión,
e camiñan co pescozo arrichado e ollos pintados de rubio,
xa que camiñan a pasiños miúdos, e nos nocellos levan ariños",
17o Señor halles de apegar a sarna á súa cabeza,
Iavé halles descubrir a súa fronte.
18O día aquel o Señor quitaralles os seus adornos:
ariños para os nocellos, diademas e medias lúas,
19pendentes, pulseiras e veos,
20panos da cabeza, cadeíñas para os pés e cintos,
caixas de talismáns e amuletos,
21Aneis e ariños para o nariz,
22vestidos de festa, abrigos, estolas e bolsos,
23vestidos de gasa e vestidos de liño, turbantes e touquiñas.
24En vez de perfume haberá podremia; en vez de cinto, corda;
en vez de peiteado de trenzas, calva;
en vez de lenzo fino, un cinguideiro de saco.
En vez de fermosura, vergonza.
25Os teus homes caerán pola espada; e os teus escolleitos, na guerra.
26As xuntanzas das súas portas lamentaranse e farán loito,
e ela sentarase desolada no chan.
Currently Selected:
Isaías 3: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT