Isaías 13
13
ORÁCULOS DE XUÍZO DE CASTIGO CONTRA AS NACIÓNS
Contra Babilonia
1Oráculo que contra Babilonia recibiu en visión Isaías, fillo de Amós.
2No alto dunha montaña pelada, levantade a bandeira, berrádelles ben alto,
movede os brazos para que entren polo portón dos nobres.
3Mandéillelo eu ós meus consagrados,
a berros convoquei ós meus valentes ante min, ós que gozan coa miña grandeza.
4Ruído de axitación nas montañas, coma un exército numeroso.
Ruído de tumulto dos reinos, dos pobos reunidos.
O Señor dos Exércitos pasa revista ó exército de combate.
5Veñen de terras afastadas, do cabo do ceo,
o Señor e os instrumentos da súa ira,
veñen para arrasar toda a cidade.
6Gritade triunfantes: "Está preto o día do Señor!
Xa chega a devastación do Deus Devastador!".
7Por isto todas as mans se tornarán febles e todo proxecto humano virá abaixo.
8Todos quedarán estarrecidos. Angustias e dores posúenos,
como as dores da muller que se retorce no parto!
Cada un horrorízase do seu compañeiro: as caras de ambos volveranse coma o lume.
9Velaí chega cruel o día do Señor,
velaí o arrebato e o incendio da súa ira,para converter a cidade nunha desolación,
e para borrar dela o seu pecado.
10As estrelas do ceo e as constelacións non emitirán a súa luz.
O sol unha vez que saia escurecerase, e a lúa non brillará coa súa luz.
11Castigarei o orbe pola súa maldade e os malvados pola súa iniquidade.
Derrubarei a soberbia dos insolentes, e humillarei o orgullo dos que provocan medo.
12Os homes serán máis escasos có ouro fino,
a humanidade máis có ouro de Ofir.
13Por isto o ceo tremerá e a terra moverase do seu sitio,
polo arrebato do Señor dos Exércitos, polo incendio da súa ira.
14O mesmo que a gacela espantada e o rabaño que non ten quen o xunte,
así cada un se encamiñará ó seu pobo, e fuxirá cara ó seu país.
15Todo o que encontren será atravesado,
todo o que atrapen caerá pola espada;
16os seus meniños serán estrelados ante os propios ollos,
as súas casas serán saqueadas, e as súas mulleres, violadas.
17Velaí: vou excitar contra eles os medos,
que nin estiman a prata nin se compracen no ouro.
18Os arcos dos mozos serán esnaquizados,
pois non terán compaixón do froito do ventre,
nin os seus ollos terán piedade dos fillos.
19Si, Babilonia, a perla dos reinos, será adorno do orgullo dos caldeos.
Si, será coma a destrución total de Sodoma e de Gomorra.
20Non será habitada con esplendor, nin repoboada por xeracións e xeracións;
ningún nómade plantará alí a súa tenda,
nin os pastores deixarán descansar os seus rabaños.
21Alí descansarán os gatos monteses e as súas casas encheranse de mouchos;
habitarán alí os poliños da avestruz,
e darán brincos os sátiros;
22desde os pazos ouvearán os cans salvaxes, e os chacais desde os pazos de luxo.
Si, a súa hora está próxima a chegar, os seus días non se retrasarán.
Currently Selected:
Isaías 13: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT