Isaías 10
10
Sétimo Ai contra os xuíces inxustos (cf 5, 8-25)
1Ai dos que impoñen prescricións de iniquidade,
e dos que ó escribiren, escriben para desgraza
2privando ós pobres do xuízo,
Roubándolles a xusta sentencia ós oprimidos do meu pobo,
convertendo as viúvas na súa presa e saqueando os orfos.
3Que faredes no día das contas,
e no da devastación que xa vén desde lonxe?
Xunto a quen correredes a pedir socorro?
Onde deixaredes as vosas riquezas?
4Non! Teredes que axeonllarvos entre os prisioneiros
e caeredes entre os asasinados.
Con todo isto non se muda a súa ira,
e a súa man está aínda estendida.
Ai contra Asiria pola súa soberbia
5Ai!, Asiria, bastón da miña ira,
e vara na man do meu furor.
6Vouna mandar contra o pobo impío,
e voulle dar ordes contra o pobo da miña indignación,
para saquealo e para roubalo,
para convertelo nun pisadoiro, coma a lama dos camiños.
7Si, Asiria non imaxinaba a cousa así, o seu corazón non o planeaba deste xeito,
pois no seu corazón estaba desolar, e arrasar non poucos pobos.
8Así pensaba: "Non son reis cada un dos meus príncipes?
9Non é Kalnó coma Kárkemix? Non é Hamat coma Arpad?
Non é Samaría coma Damasco?
10O mesmo que a miña man atopou os reinos dos ídolos
(e iso que os seus ídolos son máis cós de Xerusalén e Samaría),
11non puiden facerlles a Samaría e ós seus ídolos
o mesmo que lles hei facer a Xerusalén e ós seus ídolos?"
12Si, cando o meu Señor remate a súa obra no monte Sión e en Xerusalén,
examinará os soberbios plans do rei de Asiria
e o fachendoso orgullo dos seus ollos,
13pois (Asiria) pensaba así:
"Fíxeno coa forza da miña man e coa miña habilidade: que lista fun!
Apartei as fronteiras das nacións, saqueei os seus almacéns,
como un heroe afundín os seus habitantes.
14A miña man deu, coma cun niño, coas riquezas das nacións;
como quen colle ovos abandonados, eu recollín todos os países,
e non houbo quen batese as ás, nin quen abrise o pico e piase".
15Oufánase a machada ante quen corta con ela?
Engrandécese a serra ante quen a move?
Levanta a vara a quen a ergue a ela?
Ergue o pau a aquel que non é pau?
16Por isto o Señor Iavé dos Exércitos
mandará enfraquecemento ós que El engordou.
E debaixo da súa opulencia acenderá unha fornalleira,
si, unha fornalleira de incendio.
17Resultará que a Luz de Israel se converterá en incendio,
e o seu Santo en chama, que queimará e devorará espiños e silvas no mesmo día,
18que consumirá totalmente o esplendor do seu bosque e do seu verxel.
Si, será coma o decaemento dun enfermo.
19O resto das árbores do bosque será tan pequeno
que un meniño as poderá cortar.
O resto de Israel volverá ó Señor
20Sucederá no día aquel que o resto de Israel
e o que queda da casa de Xacob,
non volverá afiuzar no pobo que o castigaba,
senón que afiuzará con firmeza no Señor, o Santo de Israel.
21Un resto, o que queda de Xacob, volverá ó Deus Forte.
22Aínda que o teu pobo, Israel, fose coma a area do mar,
soamente un resto volverá a El.
A destrución está decidida, desbordante de xustiza.
23Si, a destrución xa se decidiu.
O meu Señor, o Deus dos Exércitos, vaina facer en todo o país.
Xudá, non lle teñas medo a Asiria
24Por isto así fala o meu Señor, Deus dos Exércitos:
"Non lle teñas medo a Asiria, meu pobo, que habitas en Sión,
que cunha vara en ti bate e contra ti levanta o seu pau no camiño de Exipto,
25porque un pouco, un pouquiño máis, e acabarase o meu noxo,
a miña ira pronto vai desaparecer totalmente".
26Pero aínda mostrará o Señor dos Exércitos o seu látego espido contra el,
como cando a derrota de Madián no penedo de Horeb
levantará o seu bastón contra o mar no camiño de Exipto.
27Sucederá no día aquel que retirará a súa carga do teu ombreiro,
e o seu xugo de enriba da túa cerviz:
romperá o xugo pola presenza do seu Nome.
Sentencia divina contra a invasión sirio-efraimita
28Está chegando a Aiat, pasa por Migrón,
e Micmax pasa revista ás súas armas;
29cruzade polo desfiladeiro, Guebá sexa o voso cuartel de noite.
Xa treme Ramah, xa foxe Guibá, a de Xaúl.
30Entoa os teus cantos de xúbilo, filla de Galim,
escoita, Laixah. Responde, Anatot.
31Xa escapou Madmenah, os habitantes de Guebim xa están a seguro.
32Hoxe mesmo paran en Nob, move a súa man cara ó monte da filla de Sión,
cara ó outeiro de Xerusalén.
33Velaí o Señor Deus dos Exércitos: vai cortar as pólas con furor;
as pólas do curuto xa están partidas; as máis altas caen;
34A espesura do bosque vai ser sacudida co ferro, e o Líbano co seu esplendor caerá.
Currently Selected:
Isaías 10: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT