Oseas 13
13
CHAMADA Á CONVERSIÓN E Á PENITENCIA
Oráculos de condenación
1Cando Efraím falaba, daba medo, era sublime en Israel;
pero fíxose culpable con Baal, e mereceu morrer.
2Pois agora continúa pecando, fai ídolos de fundición,
da súa prata fai con habilidade ídolos.
Todo iso é obra de artistas.
Din eles: "Ofrecédelles sacrificios a eles, que os homes biquen os becerros".
3Por isto volveranse coma néboa de mañanciña,
e coma orballo que pasa á madrugada,
coma a muíña que voa da eira, coma fume que escapa polo ventanuxo.
4Si, eu son o Señor, o teu Deus, desde o país de Exipto,
e deuses fóra de min non debes recoñecer, pois non hai outro salvador, senón eu.
5Eu pastoreeite no deserto, na terra do sequeiro
6Si, fíxenos pacer e fartáronse; fartáronse e ensoberbeceuse o seu corazón,
por isto esquecéronse de min.
7Si, eu serei para eles coma un tigre que apresa,
coma un leopardo estarei á espreita á beira do camiño.
8Atacareinos coma un oso a quen lle quitaron as crías,
e arrincareilles a caixa do corazón,
alí devorareinos coma unha leoa,
os animais salvaxes esgazaranos en triscos.
9Voute destruír, Israel; si, quen virá na túa axuda?
10Onde está o teu rei, para que te auxilie a ti e ás túas cidades?
E onde están os teus soberanos dos que dixeches: "Dáme un rei e uns príncipes"?
11Concedinche un rei, movido polo meu noxo; e retireino, movido pola miña ira.
Reflexión acerca da vida e da morte
12Envolta está a iniquidade de Efraím, escondido o seu pecado.
13As dores do parto chéganlle a Efraím, pero el é un fillo parvo:
chegou a hora, non entra por onde rompen os fillos.
14Vou libralos do poder do Xeol, vou rescatalos da Morte.
Onde está, Morte, o teu aguillón? Onde está, Xeol, a túa aguillada?
A misericordia está escondida dos seus ollos.
15Si, mentres el está medrando entre a herba, vén o vento do leste,
o vento do Señor que sobe do deserto,
e fai secar a súa fonte, reseca o seu viveiro.
O Señor vai saquear os tesouros, todos os obxectos preciosos.
Currently Selected:
Oseas 13: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT