Hebreos 7
7
Sumo Sacerdote á maneira de Melquisedec
1Este Melquisedec, rei de Salén, sacerdote do Deus Supremo saíu ó encontro de Abraham, cando volvía de derrotar os reis, e bendiciuno. 2Abraham con el repartiu a décima parte de todo. En primeiro lugar, o seu nome quere dicir: "Rei de xustiza"; logo, o título Rei de Salén quere dicir "Rei de paz". 3O feito de se nos presentar sen o nome do pai, nin o da nai, sen xenealoxía, sen a data do comezo dos seus días nin a da fin da súa vida, faino semellante ó Fillo de Deus e dá a entender que permanece sacerdote para sempre.
4Ollade que grande tivo que ser este a quen o patriarca Abraham lle deu unha décima parte do mellor do seu saqueo. 5Mentres ós fillos de Leví, que reciben servizo de sacerdotes, a Lei lles manda que lle cobren unha décima parte ó pobo escollido (isto é, ós seus irmáns, aínda que son coma eles fillos de Abraham), 6Melquisedec, que non ten unha ascendencia sacerdotal, recibe de Abraham a décima parte e bendí a aquel a quen Deus lle fixo as promesas. 7Ora, está fóra de toda discusión que todo aquel que bendí é máis có que é bendito. 8No caso dos fillos de Leví, os que reciben a décima parte son homes que morren; pero no caso de Melquisedec recíbea un de quen se testemuña que vive. 9Por así dicir, o mesmo Leví, que recibe a décima parte, veuna pagar na persoa de Abraham 10pois xa estaba presente en seu pai, cando lle foi ó encontro Melquisedec.
Os dous sacerdocios
11Certo que, se a perfección da salvación viñese polo sacerdocio levítico, xa que en relación con el recibiu o pobo a Lei, que necesidade habería aínda de que xurdise outro sacerdote na liña de Melquisedec e de que non se chamase "da liña de Aharón"? 12Porque, ó cambiar o sacerdocio, hai que cambiar necesariamente a Lei. 13Pero este de quen fala o salmo é doutra tribo, na que ninguén estivera ó servizo do altar. 14Porque é máis que coñecido que o noso Señor vén da tribo de Xudá, tribo da que nada dixo Moisés tocante ó sacerdocio.
15Pero aínda é máis claro se xorde outro sacerdote á semellanza de Melquisedec, 16quen non resulta sacerdote por unha Lei que preceptúa acerca da liñaxe, senón por unha forza que vivifica para sempre, 17pois así o testifica Deus: "Ti es sacerdote para sempre, na liña de Melquisedec". 18Por un lado, Deus abroga un precepto pasado, porque xa non ten forza obrigante nin utilidade, 19isto vese no feito de que a Lei non levou nada á perfección; e, polo outro, introduce unha esperanza máis poderosa, xa que por medio dela podemos achegarnos a Deus.
20Ademais, Xesús, polo feito de o constituíren sacerdote cun xuramento (porque ós sacerdotes xudeus constituíronos sen xuramento, 21mentres que a El constituíuno cun xuramento dicíndolle: "Xurouno o Señor, e non cambiará de pensar: Ti es sacerdote para sempre"), 22por ese feito resultou ser fiador dunha alianza de moita máis valía.
23Aqueles foron moitísimos sacerdotes, porque a morte non os deixaba ser duradeiros; 24pero este ten un sacerdocio imperecedoiro, xa que dura para sempre. 25Por iso pode levar á plenitude da salvación para sempre ós que por El se achegan a Deus, xa que en todo momento vive para interceder por eles.
26Pois era xustamente deste xeito o sacerdote que nós precisabamos: santo, sen ruindade e sen pecado, separado dos pecadores e levantado a unha gloria máis alta có mesmo ceo. 27Non necesita ofrecer sacrificios cada día, en primeiro lugar polos seus pecados e logo polos do pobo, coma os outros Sumos Sacerdotes; pois isto fíxoo dunha vez para sempre, ofrecéndose a si mesmo. 28En síntese, a Lei constitúe Sumos Sacerdotes a homes débiles, mentres que o xuramento que vén despois da Lei constitúe Sumo Sacerdote ó Fillo que logrou a salvación plena para sempre.
Currently Selected:
Hebreos 7: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT