Hebreos 12
12
SEGUNDA SECCIÓN: A CONSTANCIA NECESARIA
Chamada á constancia
1Polo tanto, xa que nos vemos cercados arredor por unha tal nube de testemuñas, deixando enteiramente a un lado todo o que nos estorba e o pecado que tan facilmente se nos apega, corramos con aguante a carreira que temos por diante, 2co ollo posto en Xesús, o primeiro guía que leva á perfección a nosa fe.
Porque el, sen lles dar importancia ás aldraxes, soportou a cruz por mor da ledicia que o agardaba e desde entón está sentado á dereita do trono de Deus. 3Meditade, polo tanto, naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores para non esmorecerdes nin cansardes.
Motivos de ánimo
4Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado 5e xa vos esqueceu aquela recomendación de Deus, que vos fala como se lles fala ós fillos:
"Meu fillo, non despreces o castigo do Señor
nin esmorezas cando El che rife;
6porque o Señor, a quen lle quere ben, castígao,
e azouta a todo aquel que recoñece por fillo".
7Aguantade o sufrimento coma un castigo educativo: é Deus que vos trata coma fillos. Porque, quen é o fillo a quen seu pai non o castiga? 8Se quedades sen castigo, do que todos temos a nosa parte, será que sodes bastardos, non fillos. 9Aínda máis, nosos pais terrestres eran os que nos castigaban e con todo respectabámolos. E logo non nos habemos de someter con moita máis razón ó Pai do espírito, para podermos vivir? 10Aqueles castigaban uns poucos días, conforme o que eles entendían: pero Deus castiga como cómpre, para que participemos da súa santidade. 11Ningún castigo resulta agradable de momento senón triste; pero co tempo ós que están exercitados nel págalles co froito pacífico da xustiza.
12Por iso, entesade as vosas mans sen forzas e os vosos xeonllos trementes 13e poñede os vosos pés en vieiros dereitos para que a perna coxa non escorde, senón que máis ben cure.
POLO VIEIRO DEREITO ÓS FROITOS DA XUSTIZA
Cómpre estar atentos pois vivimos na etapa final
14Procurade de todos os xeitos a paz entre todos vós e mais a vosa santificación, xa que sen ela ninguén poderá ver o Señor. 15Tede moito coidado de que ningún quede sen o favor de Deus, de que ningunha raíz velenosa agromada dane e contaxie a comunidade. 16Que ninguén, polos seus pareceres, venda o máis sagrado, coma Esaú que por un simple xantar vendeu os seus dereitos de primoxénito; 17vós sabedes que despois, por máis que quixo herdar a bendición, non se considerou que fose merecente dela e non a houbo para el, aínda que a pediu con bágoas e todo.
18Non estades diante dun monte que se poida apalpar nin dun lume ardente nin dunha nube negra e borrascosa nin dunha tormenta 19nin diante do bucinazo dunha trompeta nin do boureo dunhas palabras coma as que escoitaron aqueles que, ó sentilas, pediron que non lles falase máis; 20porque non podían co que se lles estaba mandando: "Quen toque o monte, aínda que sexa un animal, morrerá acantazado". 21Tan sublime era a aparición que o mesmo Moisés dixo: "Estou abraiado e tremendo". 22Vós, en cambio, estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo, da Xerusalén celeste; diante de milleiros de anxos, da asemblea 23en festa dos primoxénitos censados no ceo, e diante de Deus, xuíz de todos, e das ánimas dos xustos que xa chegaron á súa perfección, 24e diante de Xesús, mediador da Nova Alianza, e diante do sangue da aspersión, que clama máis forte có de Abel.
25Tede coidado de non rexeitar a quen vos está falando, que se aqueles non deron fuxido do castigo por rexeitaren a quen os instruía aquí na terra, moito menos poderemos nós fuxir do castigo, se lle volvemos as costas a quen nos instrúe desde o ceo! 26A súa voz entón fixo tremer a terra, pero agora quen pode falar prometeu: "a derradeira vez farei tremer non só a terra, senón tamén o ceo". 27A expresión a derradeira vez quere dicir "a abolición do que, por ser cousa creada, é provisional" de xeito que quede o que é definitivo. 28Por iso, xa que recibimos un reino definitivo, esteámoslle agradecidos a Deus, servíndoo como lle agrada a El con reverencia e respecto, 29xa que o noso Deus é lume devorador.
Currently Selected:
Hebreos 12: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT