YouVersion Logo
Search Icon

Hebreos 11

11
PRIMEIRA SECCIÓN: A FE DOS DEVANCEIROS
Definición e primeiros exemplos
1A fe é un anticipo do que se espera, é unha proba convincente das cousas que non se ven. 2Pois por mor dela Deus testemuñou a favor dos nosos devanceiros.
3Pola fe sabemos que a palabra de Deus creou o mundo e así o que se ve é resultado do que non se ve.
4Movido pola fe, Abel ofreceu a Deus un sacrificio mellor có de Caín, e por mor dela deuse fe da súa rectitude; foi Deus quen deu fe dela por mor dos seus dons; e por mor da fe, aínda que xa morto, aínda segue falando.
5Pola súa fe a Henoc levárono desta vida, para non ter que sufrir a morte: Xa non se atopaba porque o levara Deus. Xa antes de falar do seu traslado déixase testemuño de que Deus estaba moi contento con el. 6Pero sen fe é imposible que un lle agrade a Deus, pois quen quere achegarse a Deus precisa crer que El existe e que recompensa os que o buscan.
7Movido pola fe, Noé, en recibindo de Deus ordes sobre cousas que aínda non se ollaban, respectuoso con Deus, construíu unha arca para salvar a súa familia; co seu exemplo de fe condenou a conduta do mundo e fíxose herdeiro da xustiza que dá a fe.
A fe de Abraham
8Deus chamou por Abraham, e este, movido pola fe, obedeceuno, saíndo para un lugar que había de recibir en posesión, aínda que saíu sen saber onde ía. 9Movido pola fe, emigrou á terra prometida, como se fose terra allea, habitando en tendas de campaña con Isaac e Xacob, herdeiros da mesma promesa. 10A verdade é que agardaba aquela cidade con bos cimentos, da que o arquitecto e construtor é Deus.
11Pola fe e por considerar merecente de fe ó que lle prometera descendencia, el, aínda que estaba fóra da idade axeitada e aínda que a mesma Sara era estéril, recibiu poder para fundar descendencia. 12Deste xeito dun só e xa caduco para estas cousas naceu un mundo de fillos, coma as estrelas do ceo e coma a area incontable da beira do mar.
13Coa fe morreron todos estes, sen chegaren a conseguir as promesas pero albiscáronas e saudáronas desde lonxe e confesaron que eles só eran estranxeiros e peregrinos nesta terra. 14O diciren estas cousas, daban a entender que degoiraban unha patria. 15Pois se lles acordaba aquela patria de onde saíran, estaban a tempo de se volveren. 16Pero máis ben suspiraban por outra patria mellor: a celestial. Por iso Deus non se avergonza de que o chamen o seu Deus, xa que lles preparou unha cidade.
17Pola fe Abraham, posto a proba, ofrendou a Isaac, o que recibira de Deus as promesas, 18cando se lle dixo: "por Isaac terás descendencia": ofrendou o seu único fillo, 19pensando que Deus é poderoso, incluso para resucitar de entre os mortos. Por esa fe súa tamén o recobrou coma un misterioso símbolo.
20Pola fe, e tamén en orde ó futuro, Isaac bendiciu a Xacob e a Esaú. 21Pola fe Xacob, estando para morrer, bendiciu a cada un dos fillos de Xosé e prostrouse para adorar, arrimado ó puño do seu bastón. 22Pola fe, Xosé, estando para morrer, lembrouse do éxodo dos fillos de Israel e deu normas sobre os seus restos mortais.
A fe de Moisés
23Pola fe os pais de Moisés escondérono ao pouco de nacer durante tres meses, vendo que o neno era fermoso e non lle tiveron medo ó decreto do rei. 24Pola fe Moisés, xa grande, renegou da filla do Faraón que o tomara por fillo 25e preferiu padecer malos tratos onda o pobo de Deus a poder gozar do pracer pasaxeiro do pecado; 26deste xeito considerou meirande riqueza as aldraxes de Cristo cós tesouros de Exipto, xa que el ollaba a recompensa. 27Pola fe abandonou Exipto sen lle ter medo á cólera do rei, xa que se mantivo firme na súa decisión, coma home que vira o Invisible. 28Pola fe deixou instituída a Pascua e a aspersión co sangue, para que o Exterminador non lles tocase ós seus primoxénitos. 29Pola fe atravesou o Mar Rubio coma quen pasa por terra enxoita; tentou os exipcios e o mar enguliunos. 30Pola fe viñéronse abaixo as murallas de Xericó, despois de lles daren voltas arredor por sete días. 31Pola fe Rahab a prostituta, que acolleu amigablemente os espías, non morreu xunto cos rebeldes.
Vista de conxunto
32E que máis queredes que diga? Non me chegaría o tempo, se me puxese a falar de Guideón, de Barac, de Sansón, de Iefté, de David, de Samuel e dos profetas. 33Eles coa fe gañaron reinos, fixeron xustiza, conseguiron promesas, pecháronlles a boca a leóns, 34Apagaron a furia do lume, escaparon ó fío da espada, repuxéronse de doenzas, foron valentes na guerra e fixeron recuar as filas dos exércitos estranxeiros; 35houbo mulleres que recobraron resucitados os seus defuntos; outros, polo contrario, morreron a golpes, sen quereren aceptar o rescate, para conseguiren deste xeito unha resurrección de máis valer. 36Outros tiveron que sufrir humillantes azoutas e cadeas e cárcere. 37Morreron acantazados, serrados, a golpes de espada, tiveron que camiñar errantes, cubertos con peles de ovella e de cabra, pasando mil necesidades, tribulacións e malos tratos. 38O mundo non era merecente deles, por iso andaban a rumbo, perdidos por fóra dos lugares, polos montes, polas covas e tobos da terra.
39Pero todos estes, aínda que pola fe Deus testificou a favor deles, non conseguiron alcanzar a promesa, 40xa que foi mesmamente en vistas a nós como Deus preparou algo mellor; de xeito que eles non puidesen conseguir a perfección sen nós.

Currently Selected:

Hebreos 11: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in