Xénese 37
37
Os soños de Xosé
1Xacob estableceuse na terra de Canaán, a onde seu pai peregrinara. 2E esta é agora a historia da familia de Xacob.
Cando Xosé era un rapaz de dezasete anos e gardaba o gando cos irmáns, fillos de Bilhah e de Zilpah, mulleres de seu pai, chegou un día e acusounos diante deste dun mal feito.
3Israel quería a Xosé máis ca a ningún dos fillos, porque lle nacera na vellez. E encargou para el unha túnica de mangas. 4Seus irmáns, ó dárense conta de que seu pai o prefería, colléronlle xenreira e non podían falar de boas con el.
5Xosé tivo un soño e contóullelo ós irmáns, polo que estes o aborreceron aínda máis. 6Díxolles el: —"Escoitade o que soñei. 7Parecíame que estabamos na eira atando monllos. Nisto o meu monllo levantouse e tíñase ergueito; os vosos, en troques, rodeábano e prostrábanse diante del".
8Dixéronlle os irmáns: —"Seica queres ser o noso rei e fas conta de dominarnos?" E aborrecérono aínda máis, por culpa dos soños e da súa interpretación.
9Tivo Xosé outro soño e contóullelo tamén ós irmáns. Tiven estoutro soño: —"O sol, a lúa e once estrelas prostrábanse diante de min". 10Cando llelo contou a seu pai e a seus irmáns, o pai reprendeuno: —"Que clase de soño é ese? Teremos que vir e prostrarnos diante túa eu, túa nai e teus irmáns?" 11Os irmáns tíñanlle envexa, pero seu pai gardaba a cousa nos adentros.
A vinganza dos irmáns
12Os irmáns de Xosé foran para Xequem apacentar os fatos de seu pai. 13Israel díxolle a Xosé: —"Teus irmáns estarán co gando en Xequem. Ven, que te vou mandar onda eles".
Xosé respondeulle: —"Aquí me tes".
14Israel díxolle: —"Vai ver se están ben os teus irmáns e o gando, e logo tráesme as novas". Despediuno no val de Hebrón, e el marchou para Xequem. 15Cando andaba dando voltas, perdido polo monte, encontrouno un home e preguntoulle: —"Ti que buscas?"
16Respondeu el: —"Busco a meus irmáns. Dime, se podes, onde andan co gando".
17O home díxolle: —"Fóronse de aquí. Oínlles dicir: Vaiámonos a Dotán". Xosé foi tras eles, e encontrounos en Dotán.
18Vírono eles desde lonxe e, antes de que chegase, matinaron matalo. 19Dicíanse uns ós outros: —"Aí vén ese soñador. 20Imolo matar agora mesmo. Botarémolo nun pozo e diremos que unha fera salvaxe o devorou. Veremos en que paran os seus soños".
21En oíndo isto Rubén, tratou de o librar das súas mans, e propuxo: —"Non lle quitemos a vida". 22E engadiu, coa intención de o salvar e de llo volver a seu pai: —"Non vertades o seu sangue. Botádeo nunha cisterna do deserto, pero non poñades as mans nel".
23En chegando Xosé onda os irmáns, estes quitáronlle a túnica, aquela túnica de mangas que levaba posta, 24e despois guindárono na cisterna. Pero esta non tiña auga.
Xosé vendido para Exipto
25Sentados para comer, ergueron os ollos e viron unha caravana de ismaelitas que viña de Galaad, cos camelos cargados de especias, de bálsamo e resina, camiño de Exipto.
26Nisto díxolles Xudá a seus irmáns:
—"Que proveito tiraremos con matar o noso irmán e tapar o seu sangue? 27Vaiamos, vendámosllelo ós ismaelitas. Non poñamos as mans nel, pois é noso irmán, do noso sangue". Os irmáns asentiron. 28Pasaron unhas caravanas madianitas, e os irmáns tiraron a Xosé do fondo do pozo. Por vinte moedas de prata vendérono ós ismaelitas, que o levaron a Exipto.
29Cando volveu Rubén ó pozo e non atopou a Xosé, rachou os seus vestidos, 30e foi onda os irmáns para lles dicir: —"O rapaz non está. A onde vou eu agora?"
31Eles colleron a túnica de Xosé, mataron un cabuxo, tinxírona co sangue 32e mandárona levar a seu pai, con este recado: —"Atopamos isto. Mira se é ou non a túnica de teu fillo".
33Xacob recoñeceu a túnica, e dixo: —"É a túnica de meu fillo. Devorouno unha fera salvaxe. Xosé foi esnaquizado". 34Xacob rachou os seus vestidos, cubriuse de saco e fixo por moito tempo loito polo fillo. 35Todos os fillos e fillas viñeron consolalo, pero el rexeitaba o consolo, dicindo: —"Baixarei coa dor ó sepulcro co meu fillo". E choraba por el.
36Os madianitas, pola súa banda, venderon a Xosé en Exipto a Potifar, alto funcionario do faraón, xefe da súa garda.
Currently Selected:
Xénese 37: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT