YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 35

35
Xacob en Betel
1Deus díxolle a Xacob: —"Vai, sube a Betel, asenta alí e fai un altar ó Deus que se che apareceu, cando ías fuxindo de teu irmán Esaú".
2Xacob mandoulles á súa familia e á toda a súa xente: —"Retirade os deuses alleos que teñades, purificádevos e mudádevos de roupa. 3Imos subir a Betel, para levantar alí un altar ó Deus que me gardou cando eu andaba apurado, e que estivo comigo na viaxe que fixen".
4A xente entregou a Xacob os deuses alleos que tiñan e os brincos que levaban nas orellas, e Xacob enterrounos debaixo do carballo que está onda Xequem.
5En canto se puxeron de camiño, un medo de Deus invadiu todas as vilas do arredor, de xeito que ninguén perseguiu ós fillos de Xacob. 6Xacob chegou a Luz, hoxe Betel, en terra de Canaán, e con el a súa xente. 7Construíu alí un altar, e púxolle ó lugar o nome de Betel, porque se lle apareceu Deus alí, cando fuxía de seu irmán. 8Daquela morreu Déborah, a ama de leite de Rebeca, e enterrárona por baixo de Betel, ó pé do carballo coñecido por carballo do pranto.
A promesa patriarcal
9Deus aparecéuselle a Xacob, á volta de Padán-Aram, bendiciuno 10e díxolle: —"O teu nome é Xacob. Pero non seguirás levando o nome de Xacob, senón o nome de Israel". E chamouno Israel.
11Deus engadiu: —"Eu son o Deus todopoderoso. Ti reprodúcete e medra. De ti sairá un pobo, ou unha chea de pobos, e reis nacerán das túas entrañas. 12A terra que eu lle dei a Abraham e a Isaac, doucha tamén a ti e daréillela ós teus descendentes".
13Deus retirouse do lugar onde falara con Xacob. 14Xacob erixiu unha estela de pedra no lugar onde Deus lle falara, verteu enriba dela unha libación e unxiuna con óleo. 15E púxolle a aquel lugar onde Deus lle falou o nome de Betel.
Morte de Raquel
16Xacob saíu coa súa xente de Betel, e cando lles faltaba un treito curto para chegaren a Efrátah, Raquel sentiu que ía dar a luz. O parto resultou moi traballoso. 17Nos apuros do parto díxolle a parteira: —"Non teñas medo. Tes un neno". 18E ela, saíndoselle a alma, pois estaba morrendo, púxolle ó neno o nome de Fillo da miña dor. Pero seu pai chamoulle Benxamín.
19Raquel morreu, e enterrárona no camiño de Efrátah, que é Belén. 20Enriba do seu sepulcro erixiu Xacob unha estela. É o monumento funerario de Raquel, que existe aínda hoxe. 21Israel marchou de alí e montou as tendas máis alá de Migdal-Éder.
Os fillos de Xacob
22Estando Israel naquela terra, achegouse Rubén a Bilhah, concubina de seu pai. A cousa chegou a oídos de Israel.
Os fillos de Xacob foron doce. 23De Lea tivo a Rubén o primoxénito, Simeón, Leví, Xudá, Isacar e Zebulón. 24De Raquel tivo a Xosé e Benxamín. 25De Bilhah, serva de Raquel, a Dan e Naftalí; 26e de Zilpah, serva de Lea, a Gad e Axer. Estes son os fillos que tivo Xacob en Padán-Aram.
Morte de Isaac
27Xacob chegou á casa de seu pai Isaac, en Mambré, en Quiriat-Arbá, hoxe Hebrón, onde viviran Abraham e Isaac. 28Isaac viviu cento oitenta anos. 29A esa idade expirou. Morreu e foise xuntar cos seus, vello e satisfeito de vivir. Enterrárono os seus fillos Esaú e Xacob.

Currently Selected:

Xénese 35: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in