Xénese 30
30
1Vendo Raquel que non lle podía dar fillos a Xacob e, celosa da súa irmá, díxolle ó seu home Xacob: —"Dáme fillos, ou morro".
2Xacob enfadouse con Raquel e díxolle: —"Estou eu no lugar de Deus, que che nega o froito do ventre?"
3Ela propúxolle: —"Aí tes a Bilhah, a miña serva. Achégate a ela, que dea a luz nos meus xeonllos, e así terei eu tamén fillos por medio dela". 4E deulle a súa serva Bilhah por muller, e el achegouse a ela.
5Bilhah quedou embarazada e deulle un fillo a Xacob. 6Raquel agradeceu: —"Deus fíxome xustiza, escoitoume e deume un fillo". E púxolle o nome de Dan. 7Bilhah, a serva de Raquel, quedou de novo embarazada e deulle un segundo fillo a Xacob. 8Raquel dixo: —"Moito tiven que loitar coa miña irmá, pero puiden con ela". E chamou ó fillo Naftalí.
9Vendo Lea que deixara de ter fillos, colleu e deulle á Xacob a súa serva Zilpah por muller. 10Quedou embarazada e deulle un fillo a Xacob. 11Lea dixo: —"Que boa sorte!" E chamou ó fillo Gad. 12Zilpah, a serva de Lea, deulle outro fillo a Xacob. 13E Lea dixo: —"Para a miña felicidade! Agora felicitaranme as mulleres". E chamou ó neno Axer.
14Na época da sega do trigo saíu Rubén ó agro. Atopou unhas mandrágoras e levoullas a Lea, súa nai. Raquel díxolle a Lea: —"Dáme desas mandrágoras que trouxo o teu fillo".
15Respondeulle Lea: —"Quizais che parece pouco quitarme o meu home, que queres tamén as mandrágoras de meu fillo?"
Díxolle Raquel: —"Ben: que durma contigo esta noite, en troque das mandrágoras".
16A tardiña, ó volver Xacob do campo, saíulle Lea ó encontro e díxolle: —"Achégate a min, pois adquirín o dereito a ti polas mandrágoras de meu fillo". E Xacob deitouse con ela aquela noite. 17Deus escoitou a Lea, e esta quedou embarazada e deulle un quinto fillo a Xacob. 18Daquela dixo Lea: —"Deus deume este pago, por terlle dado a miña serva ó meu home". E púxolle ó neno o nome de Isacar. 19Lea quedou outra vez embarazada e deulle un sexto fillo a Xacob. 20Esta vez dixo: —"Deus fíxome un bo regalo. Agora terame respecto o meu home, pois xa lle dei seis fillos". E chamou ó neno Zebulón. 21Despois deu a luz unha filla e púxolle de nome Dinah.
22Deus acordouse de Raquel, escoitouna e abriulle o seo. 23Quedou embarazada, deu a luz un fillo e dixo: —"Deus quitou a miña aldraxe". 24E púxolle o nome de Xosé, pregando: —"Engada o Señor outro fillo a este".
Enriquecemento de Xacob
25Cando Raquel deu a luz a Xosé, díxolle Xacob a Labán: —"Permíteme marchar para a miña patria, á miña terra. 26Dáme as mulleres polas que te servín e os meus fillos; quero irme. Ti sabes o ben que te servín".
27Respondeulle Labán: —"Gustaría de merecer o teu favor. Adiviño que o Señor me bendiciu por causa túa". 28E engadiu: —"Marca ti mesmo a soldada, e pagareicha".
29Dixo Xacob: —"Ti sabes como te servín e como lle foi comigo á túa facenda. 30O pouco que tiñas primeiro de vir eu, converteuse en abundancia. O Señor bendiciute ó meu paso. Agora terei que facer algo pola miña familia".
Preguntoulle Labán: 31—"Que che teño que dar?"
Xacob respondeu: —"Non me deas nada. Fai o que che vou dicir, e seguirei gardando o teu rabaño. 32Imos repasar agora mesmo o teu rabaño. Arredaremos del as ovellas riscadas, as pintas e as mouras, e as cabras pintas e riscadas. Iso será a miña soldada. 33O día de mañá, cando chegue a hora de me pagares, falará por min a miña honestidade. Se houbese cabras non riscadas e pintas ou ovellas non escuras entre o meu, iso sería roubado".
34Labán respondeu: —"Está ben como ti dis".
35Aquel mesmo día apartou Labán os castróns e as cabras riscadas, pintas ou brancas, e todas as ovellas mouras, e encomendóullelas ós seus fillos. 36Mandounos afastar unha distancia de tres días de camiño de onde estaba Xacob gardando o resto do rabaño de Labán.
37Xacob colleu entón varas verdes de bidueiro, de abeleira e de pradairo, e pelounas á tiras, de xeito que o branco das varas quedase ó descuberto. 38Puxo as varas peladas nas canles por onde corría a auga dos bebedoiros, para que cando viñese o rabaño beber e se emparellase alí mesmo, as tivese diante. 39O rabaño que se emparellaba coas varas á vista, paría crías riscadas e pintas.
40Xacob apartaba os cordeiros, despois de que puxese as reses de cara para o que era pinto ou mouro no rabaño. Con iso fixo un fato á parte, que non deixaba xuntar co de Labán. 41Cando se emparellaban as reses vigorosas, Xacob puña as varas nos bebedoiros á súa vista, e emparellábanse diante delas. 42Cos animais febles non as puña. Dese xeito, as crías febles eran para Labán e as fortes para Xacob. 43Xacob fíxose moi rico. Chegou a ter moita facenda, servos, servas, camelos e asnos.
Currently Selected:
Xénese 30: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT