Xénese 26
26
Isaac e Abimélec
1Houbo fame no país, como outrora en tempos de Abraham, e Isaac foi a Guerar, preto de Abimélec, rei dos filisteos.
2O Señor aparecéuselle e díxolle: —"Non baixes a Exipto. Asenta na terra que eu che mostrarei. 3Fai nesta terra a túa morada. Eu estarei contigo e bendicireite. A ti e ós teus descendentes dareivos esta terra, para manter o xuramento que fixen a teu pai Abraham. 4Farei crecer os teus descendentes como as estrelas do ceo, dareilles toda esta terra e por eles chamaranse benditas as nacións todas do mundo; 5todo porque Abraham me obedeceu, gardou a miña lei, os meus preceptos e as miñas instrucións".
6Isaac asentou en Guerar. 7A xente do lugar preguntáballe pola súa muller, e el respondía: —"É miña irmá". Tiña medo de confesar que era súa muller, pensando: —"Esta xente vaime matar por culpa de Rebeca". Porque era moi bela.
8Cando levaban xa ben tempo no lugar, Abimélec, rei dos filisteos, ollou pola fiestra e viu a Isaac acariñando a Rebeca súa muller. 9Entón fíxoo chamar para dicirlle: —"Conque é túa muller. Por que me dixeches que era túa irmá?"
Isaac respondeulle: —"Porque pensei: Vanme matar por culpa dela".
10Abimélec replicou: —"Por que nos fixeches isto? Se chega a deitarse alguén coa túa muller, faríasnos reos dun delito". 11Abimélec advertiu a toda a súa xente: —"Se alguén lle toca a este home ou á súa muller, será reo de morte".
Prosperidade de Isaac
12Isaac sementou o agro e recolleu naquela anada o cento por un. O Señor bendiciuno, 13e o home foi medrando, ata se facer moi podente. 14Tiña fatos de ovellas e de vacas e moitísimos criados. Os filisteos tíñanlle envexa, 15e encheron de terra e cegaron os pozos que abriran os criados de seu pai Abraham.
16Abimélec díxolle a Isaac: —"Marcha de onda nós, pois ti es moito máis forte".
17Isaac marchou de alí, parou no val de Guerar e alí asentou. 18Abriu de novo os pozos que foran xa cavados en vida de seu pai Abraham e que despois da súa morte cegaran os filisteos, e púxolles os mesmos nomes que lles puxera seu pai.
19Os criados de Isaac cavaron tamén no torrente e deron cun manancial. 20Os pastores de Guerar rifaron cos de Isaac dicindo: —"A auga é nosa". Por culpa desa discusión puxéronlle ó pozo o nome de Contenda. 21Despois cavaron outro pozo e rifaron tamén por el. Chamáronlle, por iso, Inimizade. 22Isaac foise de alí e fixo abrir outro pozo. Por este non houbo discusión, e púxolle Rehobot, pensando: —"Agora dános largueza o Señor para que prosperemos nesta terra".
23De alí subiu Isaac ata Beerxeba. 24Aquela mesma noite aparecéuselle o Señor e díxolle: —"Eu son o Deus de teu pai Abraham. Non teñas medo, pois eu estou contigo. Bendicireite e aumentarei a túa descendencia, por mor do meu servo Abraham". 25Isaac construíu alí un altar e invocou o nome do Señor. Montou a súa tenda, e os seus criados abriron un pozo alí mesmo.
Pacto de Isaac con Abimélec
26Abimélec chegouse onda Isaac desde Guerar, con Ahuzat o seu amigo e con Picol xefe da súa xente. 27Isaac preguntoulles: —"A que vindes onda min, vós que me aborrecestes e me botastes da vosa compaña?"
28Respondéronlle eles: —"Acabamos por ver que o Señor está contigo. Queremos que haxa entre nós un compromiso, que establezamos un pacto. 29Ti non nos farás mal, como non te tocamos tampouco nós a ti. Tratámoste sempre ben e démosche unha boa despedida. E agora ti es o bendito do Señor".
30Isaac preparoulles un xantar, e comeron e beberon. 31Erguéronse de mañá e intercambiaron xuramentos. Despois Isaac despediunos, e eles fóronse en paz.
32O mesmo día chegaron os criados de Isaac para o informaren do pozo que estaban abrindo; dixéronlle: —"Atopamos auga". 33El púxolle o nome de Xeba. De aí o nome da cidade de Beerxeba ata hoxe.
As mulleres de Esaú
34Cando Esaú tiña corenta anos, tomou por mulleres a Xudit, filla de Beerí o hitita, e a Basmat, filla de Elón, tamén hitita. 35Foron razón de tristura para Isaac e para Rebeca.
Currently Selected:
Xénese 26: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT