YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 2

2
1Quedaron así rematados o ceo e a terra e todos os elementos. 2Deus concluíu no día sexto a obra que emprendera, e o sétimo día repousou de todo o seu traballo. 3Deus bendiciu o sétimo día e consagrouno: nese día repousou de todo o traballo de crear.
4Esta é a historia da creación do ceo e da terra.
O home no xardín
Cando o Señor Deus fixo a terra e o ceo, 5na terra non había aínda ramallada nin xermolaba herba no campo, porque o Señor Deus non fixera chover sobre a terra nin existía o home que traballase o agro.
6Da terra xurdía un manancial que regaba o campo, 7e o Señor Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva.
8O Señor Deus plantou un xardín en Edén, cara a oriente, e puxo nel ó home que formara. 9Fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer, e entre elas a árbore da vida e a árbore do coñecemento do ben e do mal.
10En Edén nacía un río que regaba o xardín e de alí ía partirse en catro brazos. 11O primeiro chamábase Pisón: percorre o país de Havilá, onde se acha ouro; 12o ouro deste país é de calidade, e alí hai tamén ámbar e ónix. 13O segundo chamábase Guihón e percorre o país de Cux. 14O terceiro é o Tigris, que corre ó oriente de Asiria, e o cuarto é o Éufrates.
15O Señor Deus estableceu o home no xardín de Edén, para que o traballase e o coidase. 16E deulle esta orde: —"Podes comer do froito das árbores todas do xardín 17pero da árbore do coñecemento do ben e do mal non comerás, pois en canto comas dela de certo morrerás".
A parella home — muller
18O Señor Deus pensou: —"Non está ben o home só. Vou facer para el unha axuda ó seu xeito". 19O Señor Deus formou de terra as feras do monte e os paxaros do ceo, e presentoullos ó home, para ver que nomes lles puña. Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese. 20O home púxolles nomes ós animais domésticos, ós paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero entre eles non había unha axuda ó seu xeito.
21Entón infundiu o Señor Deus un sono profundo no home, e este adormeceu. Tiroulle unha costela e cerrou con carne o sitio. 22Da costela do home formou unha muller e presentoulla ó home.
23O home exclamou: —"Agora esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne. Chamarase muller, porque foi tirada do home". 24Por iso deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo. 25Estaban os dous espidos, o home e a muller, pero non sentían vergoña.

Currently Selected:

Xénese 2: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

YouVersion uses cookies to personalize your experience. By using our website, you accept our use of cookies as described in our Privacy Policy