Gálatas 6
6
1Irmáns, se acaso colledes a alguén nunha falta, vós, coma homes do Espírito, reprendédeo polas boas, termando cada quen de si, que ti tamén podes ser tentado. 2Levade uns as cargas dos outros, que así cumpriredes coa Lei de Cristo. 3O que, así polas boas, coida que é algo, non sendo nada, a quen engana é a si mesmo. 4Bote contas cadaquén sobre os propios feitos, e daquela terá en si e non nos outros razón para estar satisfeito. 5Cadaquén ten que levar o seu fardel.
6Cando un vaia á doutrina onda outro, faga parceiro dos seus bens ó que lla ensina. 7Non vos levedes a engano, que de Deus non hai quen faga riso. Conforme sementes, recollerás. 8O que semente baixos instintos dos baixos instintos recollerá podremia; e o que semente no Espírito, do Espírito recollerá Vida eterna. 9Non cansemos de facer o ben, que, coma esmorecer non esmorezamos, cumprido o tempo habemos ter boa colleita.
10Polo tanto, fagamos ben a todos, mentres temos tempo, maiormente ós nosos irmáns na fe.
Remate autógrafo
11Mirade con que letras tan grandes vos escribo eu pola miña man. 12Os que queren quedar ben vistos no externo, son xustamente os que vos queren facer circuncidar, para que non os persigan a eles pola cruz de Cristo. 13Pero se nin tan sequera os que circuncidan cumpren coa Lei! O que queren é que vos circuncidedes vós para se gabaren da vosa circuncisión. 14Pero a min Deus me libre de gabarme en algo que non sexa a cruz de Cristo, na que o mundo está crucificado para min como eu para o mundo. 15Pois tanto ten estar circuncidado coma estar sen circuncidar. O que importa é a nova creación.
16A paz e mais a misericordia virán sobre todos os que se axusten a esta norma e sobre o Israel de Deus. 17De hoxe en diante que ninguén me veña amolar, porque levo no meu corpo as marcas de Xesús. 18Irmáns, que a graza do noso señor Xesús Cristo vaia convosco. Amén.
Currently Selected:
Gálatas 6: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT