Gálatas 1
1
ENCABEZAMENTO
1Paulo, nomeado apóstolo non por homes nin por encomenda humana, senón por encomenda de Xesús Cristo e de Deus Pai, que o resucitou de entre os mortos, 2e mais os irmáns todos que están comigo, ás igrexas de Galacia:
3Desexámosvos a graza e a paz que veñen de Deus, Pai noso, e mais do noso Señor, Xesús Cristo, 4quen, conforme ó plan do noso Deus e Pai, se entregou polos nosos pecados, para nos arrincar deste mundo ruín en que vivimos. 5Que el sexa eternamente glorificado. Amén!
PARTE APOLOXÉTICO - HISTÓRICA
Non hai máis Evanxeo ca un
6Chámame moito a atención que así, tan correndiño, desertedes de quen chamou por vós á graza de Cristo, para vos facerdes doutro evanxeo. 7Non hai esoutro evanxeo! O que hai e que algúns vos andan a quentar a cabeza coa idea de lle dar outro xeito ó Evanxeo de Cristo. 8Pois mirade: Malia quen vos predique un evanxeo para engadir ó que vos temos predicado, aínda que fósemos nós mesmos ou un anxo baixado do ceo! 9E volvo dicir o mesmo que vos dixen: a quen vos vaia cun evanxeo para engadir ó que recibistes, botádeo fóra!
10Que! Intento eu agora quedar ben cos homes ou con Deus? Ou é que loito por compracer ós homes? Se a estas alturas aínda estivese procurando compracer ós homes, non sería un servo de Cristo.
PAULO DEFENDE A SÚA AUTORIDADE E A SÚA DOUTRINA
Porque o manda Cristo en persoa
11Porque fágovos saber, irmáns, que o Evanxeo que eu predico non é cousa de homes, 12xa que nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús Cristo. 13Si: vós tedes oído falar das miñas andanzas de cando estaba no xudaísmo; do furor con que dera en perseguir ala Igrexa de Deus; 14e de como adiantaba eu no xudaísmo máis ca moitos da miña raza e do meu tempo, porque era moito máis fanático das tradicións dos meus devanceiros.
15Mais cando a Aquel, que xa desde o seo da miña nai me puxera á parte e chamou por min pola súa graza, 16lle prougo revelarme o seu Fillo, para que volo predicase ós non xudeus, eu sen lle pedir consellos á carne nin ó sangue, 17sen tan sequera subir a Xerusalén onda os que en ser apóstolos xa me levaban anos, de hoxe para mañá, retireime á Arabia, de onde volvín de novo a Damasco.
18De alí a tres anos subín a Xerusalén para ir coñecer a Pedro e cabo del fiquei uns quince días. 19E non vin a ningún apóstolo máis, fóra de Santiago, o parente do Señor. 20Así Deus me salve, como nos vos minto nisto que vos escribo! 21Despois chegueime ás terras de Siria e Cilicia. 22Ora, as comunidades cristiás de Xudea non chegaron a coñecerme de vista; 23só sentiran dicir: "Disque o que antes nos perseguía, agora predica a fe que asoballaba"; 24e, por isto meu, glorificaban a Deus.
Currently Selected:
Gálatas 1: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT