Skip to content

Esdras 3

3
Restablecemento do culto
1Chegado o sétimo mes, cando xa os israelitas se instalaran nas súas poboacións, xuntáronse todos coma un só home en Xerusalén. 2Entón Xosué, fillo de Iosadac, púxose en pé cos seus irmáns os sacerdotes; como tamén Zerubabel fillo de Xealtiel, cos seus irmáns, e empezaron a construír o altar do Deus de Israel para ofreceren nel holocaustos, como manda a lei de Moisés, home de Deus. 3Volveron colocar o altar sobre os seus fundamentos —non sen medo ós colonos estranxeiros—, e ofreceron nel ó Señor os holocaustos matutinos e vespertinos. 4Despois celebraron a festa das Tendas, como está escrito, presentando o holocausto todos os días segundo o número diario fixado polo costume. 5Despois disto presentaron o holocausto perpetuo, os holocaustos dos novilunios e de todos os tempos sagrados do Señor, o mesmo que para cantos facían ofrendas voluntarias ó Señor. 6Desde o primeiro día do sétimo mes, comezaron a ofrecer holocaustos ó Señor. Mais aínda non se puxeran os fundamentos do templo. 7Entón, de acordo co autorizado polo rei de Persia, Ciro, fixeron a contrata dos canteiros e carpinteiros e déronlles prata, comida e bebida, e aceite, e tamén ós sidonios e tirios para que trouxesen madeira de cedro polo mar, desde o Líbano ata Iafa. 8Os dous anos de chegaren ó templo de Xerusalén, no mes segundo, Zerubabel, fillo de Xealtiel, e Xosué, fillo de Iosadac, co resto dos seus irmáns, os sacerdotes, os levitas e todos cantos viñeran da catividade a Xerusalén, comezaron a distribuír os levitas de vinte anos para arriba, poñéndoos á fronte da obra do templo. 9Xosué, cos seus fillos e irmáns; Cadmiel e mais os seus fillos; os fillos de Xudá, todos xuntos fóronse colocando de xeito que puidesen dirixir a cada obreiro que traballaba na casa de Deus, sen falar de Henadad, cos seus fillos e mais os seus irmáns os levitas. 10Entón os albaneis puxeron os fundamentos do templo do Señor, mentres que os sacerdotes se colocaban cos seus ornamentos e as trompetas, e tamén os levitas fillos de Asaf cos címbalos, para loar o Señor segundo ordenou David, rei de Israel. 11Na gabanza e acción de grazas ó Señor, respondían: —"Porque é bo, e a súa fidelidade con Israel é eterna". Todo o pobo con grandes ovacións loaba polo mesmo ó Señor, porque se restauraba de novo o templo do Señor. 12Entón moitos sacerdotes, levitas e xefes de familia entre os máis anciáns, os que tiñan visto o templo antano, choraban a gritos, mentres se poñían á súa vista os alicerces deste templo. Pero outros moitos elevaban a voz reloucando de ledicia. 13De maneira que o pobo non podía distinguir o ruído polas ovacións xubilosas do ruído polos choros populares, pois o pobo prorrompía en grandes ovacións, e o balbordo oíase desde moi lonxe.