YouVersion Logo
Search Icon

Ezequiel 43

43
Volta da gloria do Señor ó santuario
1Entón El levoume cara á porta, a porta que mira en dirección do nacente, 2e vin que a gloria do Deus de Israel chegaba da parte do nacente, e o seu ruído era como o ruído de augas caudalosas e a cidade resplandecía coa súa gloria.
3Velaí a visión! A visión que eu vin foi como a visión que tivera cando a gloria de Deus viñera destruír a cidade. Velaí a visión! Fora coma a que tivera xunto ó río Quebar. Entón prostreime en adoración, 4e a gloria do Señor entrou no santuario pola porta que mira ó nacente.
5O espírito arrebatoume e fíxome entrar no adro interior, e velaí que a gloria do Señor enchía o templo. 6Entón oín un que me falaba desde o templo, mentres que o home seguía de pé ó meu lado, 7e díxome:
—Fillo de Adam, aquí tes o lugar do meu trono,
velaquí o sitio do estrado dos meus pés,
onde eu habitarei entre os fillos de Israel para sempre.
Xa non volverán profanar o meu santo Nome
nin a Casa de Israel nin os seus reis,
coas súas fornicacións e cos cadáveres dos seus reis,
e mais cos seus sepulcros.
8Poñendo eles a súa portada xunto á miña portada
e os marcos das súas portas ó lado dos marcos das miñas portas,
e mais a parede entre min e eles,
profanaron o meu santo Nome
coas abominacións que cometeron;
por isto os consumín levado do meu noxo.
9Agora puxeron lonxe de min as súas fornicacións
e mais os cadáveres dos seus reis,
e por isto eu habitarei entre eles para sempre.
10Ti, fillo de Adam, descríbelle este santuario á Casa de Israel, e que se avergoncen das súas abominacións. Que midan o plano do templo, 11e se avergoncen de todo o que fixeron. A organización do santuario e a súa estrutura, as súas entradas e as súas saídas, todas as súas ordenacións e todos os seus preceptos, todas as súas ordenacións e as súas leis, fáillelas coñecer e escríbellelas perante os seus mesmos ollos para que observen todas as ordenacións e todas as leis do santuario e as poñan por obra. 12Esta é a lei do santuario: na cima do monte, todo terreo que lle corresponde ó santuario, todo arredor, é santísimo. Certo! Esta é a lei do santuario.
Descrición do altar
13Estas son as medidas do altar en cóbados (este cóbado era dos de cóbado e palmo). Había unha foxa dun cóbado destes e un cóbado de ancho; e a altura do altar na súa beira era dunha cuarta todo arredor: esta era a foxa do altar. 14Desde o fondo da foxa ata o zócalo máis baixo había dous cóbados, e un cóbado de ancho; e desde o zócalo máis pequeno ata o zócalo máis grande había catro cóbados, e un cóbado de ancho.
15A sagrada elevación da ara tiña catro cóbados; e do divino fogón saían os catro cornos. 16O divino fogón tiña doce cóbados de longo por doce cóbados de ancho. Era cadrado polos seus catro lados. 17O zócalo tiña catorce cóbados de ancho por catorce de longo polos seus catro lados, e o reborde que tiña arredor medía medio cóbado. O zócalo tiña unha foxa dun cóbado todo arredor. As escadas do altar miraban ó nacente.
Consagración do altar
18Entón díxome:
—Fillo de Adam, así fala o Señor:
—Estes son os preceptos acerca do altar:
Cando se acabe de facer, para poder ofrecer holocaustos nel e verter sangue sobre el, 19ti haslles presentar ós sacerdotes levíticos, que son da estirpe de Sadoc, e que se achegan a min para me daren culto —é o meu Señor, Iavé, quen fala—, un becerro, fillo de vaca, para sacrificio polos pecados. 20E ti collerás do seu sangue, e untarás con el os catro cornos do altar e os catro lados, o zócalo e o reborde todo arredor, para facer sobre o altar a expiación e mais a súa propiciación. 21Collerás o becerro do sacrificio de expiación e queimaralo no lugar do templo axeitado para isto, fóra do santuario. 22O segundo día presentarás en ofrenda un chibo, sen defecto, e farase a expiación sacrificial o mesmo que se fixo co becerro. 23Cando acabes co sacrificio de expiación, presentarás a ofrenda dun becerro, fillo de vaca, sen defecto, e mais un carneiro do rabaño, sen defecto: 24presentaralos en ofrenda ante o Señor, e os sacerdotes botaranlles sal e ofreceranllos en holocausto ó Señor. 25Durante sete días, cada día farás o sacrificio de expiación co chibo e tamén se fará o sacrificio de expiación co becerro, fillo de vaca, e co carneiro do rabaño, todos eles sen defecto.
26Durante sete días farase a propiciación do altar e purificarase e consagrarase. 27O pasaren estes días, o día oitavo e os seguintes, os sacerdotes farán sobre o altar os vosos holocaustos e mais os vosos sacrificios de reconciliación e eu aceptaréivolos benevolamente —é o meu Señor, Iavé, quen fala—.

Currently Selected:

Ezequiel 43: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in