Ezequiel 40
40
A RECONSTRUCIÓN E REORGANIZACIÓN EXTERNA DO ISRAEL ESCATOLÓXICO
Introdución
1O ano vinte e cinco despois de que nos levaron desterrados, no comezo do ano, o día dez do mes, catorce anos despois da caída da cidade, nese mesmo día, veu sobre min a man do Señor e levoume alá. 2En éxtase levoume ó país de Israel e deixoume nun monte altísimo e na cima del, cara ó sur, había coma as construcións dunha cidade. 3Levoume alí, e vin un home: o seu aspecto era coma o aspecto do bronce; tiña na súa man un cordel de liño e unha cana de medir. Estaba de pé á porta. 4Entón o home díxome:
—Fillo de Adam, olla cos teus ollos, escoita atentamente cos teus oídos, e pon toda a túa atención en todo o que eu che vou mostrar, pois fuches traído aquí para que vexas. Cóntalle á Casa de Israel todo o que ti vas ver.
O novo templo: o muro exterior
5E velaí: unha muralla exterior do templo en todo o arredor. A cana de medir que o home tiña na man, era de seis cóbados (en cóbados vellos, de cóbado e palmo). El mediu a anchura da construción: unha cana; e a altura, unha cana.
A porta do nacente
6Logo foi á porta que mira cara ó nacente e subiu polos seus chanzos e mediu a entrada da porta: unha cana de fondo; e cada entrada, unha cana de ancho. 7As garitas eran dunha cana de longo por unha cana de ancho; entre as garitas había cinco cóbados; a entrada da porta, desde o lado de dentro da porta polo lado do santuario, era dunha cana. 8E mediu o interior da porta, desde o que xa é santuario: unha cana. 9Logo mediu o portal interior: oito cóbados; e as súas pilastras: dous cóbados.Tal era a soleira da porta polo lado do santuario. 10As garitas da porta que daba ó nacente eran tres dun lado e tres do outro lado. As tres tiñan a mesma medida e tamén as pilastras dun lado e máis do outro tiñan a mesma medida. 11Logo mediu a anchura do oco da portada: dez cóbados; e o longo, trece cóbados. 12Había un adro diante das garitas dun cóbado por un lado, e un cóbado de adro polo outro lado; e cada garita medía seis cóbados por un lado e seis cóbados polo outro. 13Logo mediu a entrada, desde o teito dunha garita ó teito da garita oposta: un ancho de vinte e cinco cóbados; cada entrada estaba fronte á outra entrada. 14Fixo a medición das pilastras: sesenta cóbados; e diante das pilastras, todo arredor, o adro da entrada. 15Enfronte estaba a fachada da porta; había un corredor de cincuenta cóbados, ata a fachada interior do vestíbulo da porta. 16E nas garitas e nas súas pilastras de cara ó interior da portada, todo arredor, había fiestras enreixadas; tamén había a barreira para a morte con fiestras todo arredor cara a dentro, e sobre as pilastras había adornos en forma de palmeira.
O adro exterior: medidas e salas
17Logo levoume ó adro exterior, e velaí as salas e un lousado; había no adro todo arredor unha construción: trinta salas ó lado do lousado. 18O lousado estaba a carón mesmo das portas, en proporción coa lonxitude das portas: tal era o lousado de máis abaixo. 19Logo mediu a anchura desde fronte á porta de abaixo ata a porta interior, por fóra da porta: cen cóbados. Isto polo nacente.
A porta do norte
E polo norte, 20velaí a porta que dá cara ó norte: no adro exterior mediulle o longo e mais a anchura. 21As súas garitas —tres dun lado e tres do outro—, as súas pilastras e a súa entrada tiñan as mesmas medidas cá primeira porta: cincuenta cóbados de longo e vinte e cinco cóbados de ancho. 22As súas fiestras, a súa entrada e os adornos en forma de palmeira eran das mesmas medidas cá porta que miraba cara ó nacente; subíase a ela por sete banzos, e o vestíbulo estaba fronte a eles. 23Había unha porta no adro interior enfronte da porta que daba ó norte, o mesmo que cara ó nacente; mediu de porta a porta: cen cóbados.
A porta do sur
24Logo levoume cara ó sur, e velaí unha porta cara ó mediodía. Mediu as súas pilastras e o seu vestíbulo: o mesmo cás medidas das outras portas. 25As súas fiestras e o seu vestíbulo todo arredor eran da mesma medida cás outras fiestras: cincuenta cóbados de longo e vinte e cinco cóbados de anchura. 26As súas escaleiras eran de sete banzos e tiñan o seu vestíbulo enfronte delas; e sobre as pilastras había esculturas en forma de palmeira, unha nunha cara e outra noutra. 27Había unha porta no adro interior cara ó sur; mediu de porta a porta cara ó sur: cen cóbados.
O adro interior: a porta sur
28Logo fíxome entrar no adro interior pola porta do sur, e logo mediu a porta do sur: as mesmas medidas cás outras. 29As súas garitas, as súas pilastras e o seu vestíbulo tamén tiñan as mesmas medidas cás outras; tiña fiestras e o seu vestíbulo todo arredor medía cincuenta cóbados de longo; e de ancho, vinte e cinco cóbados. 30Había vestíbulos todo arredor de vinte e cinco cóbados de longo por vinte e cinco cóbados de ancho. 31O seu vestíbulo daba ó adro exterior, e tamén había palmeiras esculpidas nas súas pilastras; as súas escaleiras eran de oito banzos.
Adro interior: porta do nacente
32Logo fíxome entrar no adro interior pola entrada do nacente, e mediu esta porta, que deu as mesmas medidas cás outras. 33As súas garitas, as súas pilastras e o seu vestíbulo deron as mesmas medidas cás outras; tamén tiña fiestras, e o seu vestíbulo todo arredor medía cincuenta cóbados de longo por vinte e cinco cóbados de ancho. 34O seu vestíbulo daba ó adro de fóra, e tamén había palmeiras esculpidas nas súas pilastras dun lado e do outro; as súas escaleiras eran de oito banzos.
Adro interior: porta do norte
35Logo levoume á porta do norte, e mediuna: as mesmas medidas cás outras. 36Tiña as súas garitas, as súas pilastras, o seu vestíbulo e as fiestras todo arredor: cincuenta cóbados de longo por vinte e cinco de ancho. 37O seu vestíbulo daba ó adro de fóra, e tamén había palmeiras esculpidas nas súas pilastras dun lado e do outro; as súas escaleiras eran de oito banzos.
Complemento á descrición das portas do adro interior
38Había unha sala, e a súa porta daba ó vestíbulo desta porta; nela era onde se lavaban as vítimas dos holocaustos. 39No vestíbulo desta porta había dúas mesas a un lado e dúas mesas ó outro, para sacrificar sobre elas as vítimas dos holocaustos e as vítimas dos sacrificios polos pecados e as ofensas.
40Polo lado de fóra das escaleiras da entrada da porta norte había dúas mesas e polo outro lado, isto é, no vestíbulo desa porta, había outras dúas mesas. 41Catro mesas a un lado e catro mesas ó outro. O lado desta porta, oito mesas, sobre as que sacrificaban. 42As catro mesas para as vítimas dos holocaustos eran de pedras de labra; tiñan un cóbado e medio de longo, un cóbado e medio de ancho, e un cóbado de alto; sobre elas tamén puxeran as ferramentas coas que sacrificaban as vítimas dos holocaustos e as dos sacrificios. 43Dúas repisas dun palmo estaban amarradas no interior todo arredor; sobre as mesas estaba a carne das ofrendas.
44Fóra da porta interior, no adro interior, estaban as salas dos xefes: a que estaba ó lado da porta do norte, tiña a súa fachada cara ó sur; a outra estaba ó lado da porta do nacente, e tiña a fachada de cara ó norte. 45Entón díxome: —Esta sala que ten a fachada cara ó sur é para os sacerdotes que atenden o servizo do santuario. 46A sala que ten a súa fachada cara ó norte é para os sacerdotes que atenden o servizo do altar; eles, fillos de Sadoc, son os que de entre os fillos de Leví están cerca do Señor para o serviren.
Medidas do adro interior
47Logo mediu o adro: cen cóbados de longo e cen cóbados de ancho: un cadrado. O altar estaba fronte ó santuario.
O Santuario: a) O vestíbulo
48Logo fíxome entrar no vestíbulo do santuario e mediu as pilastras do vestíbulo: cinco cóbados dun lado e cinco cóbados do outro; o ancho da porta era de tres cóbados dun lado e tres cóbados do outro. 49O longo do vestíbulo era de vinte cóbados, e o ancho, de doce cóbados; por dez banzos subíase ata el, e tiña columnas xunto ás pilastras: unha dun lado e outra do outro.
Currently Selected:
Ezequiel 40: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT