YouVersion Logo
Search Icon

Ezequiel 25

25
ORÁCULOS CONTRA AS NACIÓNS
Contra os amonitas
1Veume a palabra do Señor nestes termos:
2Fillo de Adam, ponte cara ós amonitas
e profetiza contra eles,
3dilles ós fillos de Amón:
Escoitade a palabra do meu Señor Iavé:
—Por dicirdes contra o meu santuario:
"Ei, que sexa profanado!"
E contra a terra de Israel:
"Que vaian á catividade!",
4por isto velaquí que eu te entrego en herdanza
ós fillos do Nacente,
que asentarán en ti as súas cercas de pedra,
e chantarán en ti os seus campamentos;
eles comerán os teus froitos,
e beberán o teu leite;
5converterei a Rabah nun pasteiro de camelos
e as construcións de Amón nun curral de ovellas.
Deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor.
6Así fala o meu Señor, Iavé:
—Por bateres palmas e pateares cos pés,
e por te alegrares con todo o teu desprezo
polas terras de Israel,
7por isto estendo a miña man contra ti:
entregareite en botín ás nacións
e exterminareite de entre os pobos;
fareite desaparecer de entre os países e devastareite.
Deste xeito recoñecerás que eu son o Señor.
Contra Moab
8Así fala o meu Señor, Iavé:
—Por dicirdes, Moab e Seir: "Velaí a Casa de Xudá,
é igual ca todas as nacións",
9por isto, fíxate: vou abrir un costado a Moab,
por falar burlescamente;
de entre as súas cidades quitareille a xoia do país,
o Casal da Desolación, o Casal de Baal, Meón e Quiriataim:
10entregareina ós fillos do Nacente
en herdanza ante os fillos de Amón,
para que nunca máis sexan lembrados os fillos de Amón entre os pobos.
11Farei xustiza en Moab.
Entón recoñecerán que eu son o Señor.
Contra Edom
12Así fala o meu Señor, Iavé:
—Por mor do comportamento de Edom
ó practicar a vinganza contra a Casa de Israel,
e se facer culpable da súa vinganza contra ela,
13por isto así fala o meu Señor, Iavé:
—Estendo o meu brazo contra Edom:
exterminarei del homes e animais,
convertereino nunha desolación,
desde Temán ata Dedán caerán á espada.
14Descargarei a miña vinganza contra Edom
pola man do meu pobo Israel,
que tratará a Edom conforme o meu xenio e a miña ira.
Entón coñecerán a miña vinganza
—é o meu Señor, Iavé, quen fala—.
Contra os Filisteos
15Así fala o meu Señor, Iavé:
—Por obraren os filisteos a traizón
e por se vingaren con profundo desprezo persoal
dunha morte que trouxo odio secular,
16por isto así fala o meu Señor, Iavé:
—Vede que vou estender a miña man contra os filisteos,
vou exterminar os quereteos,
vou arruinar os que queden da beira do mar.
17Vou facer neles unha terrible vinganza,
con castigos desapiadados.
Entón, cando eu me vingue deles,
recoñecerán que eu son o Señor.

Currently Selected:

Ezequiel 25: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in