Ezequiel 15
15
A parábola das vides: oráculo contra Xerusalén
1Veume a palabra do Señor nestes termos:
2Fillo de Adam,
que é a madeira da vide
comparada coa de todas as árbores?
As vides que lugar teñen
entre as árbores do bosque?
3Cóllese, por acaso, dela a madeira
para facer algo útil?
Cóllese dela un gancho
para colgar calquera cousa?
4Velaí, bótase no lume para que a consuma,
e o lume consómelle as dúas puntas,
e o seu centro arde en labarada;
servirá, aínda, para algunha cousa?
5Se cando estaba enteira
non se empregaba para cousa ningunha,
moito menos, cando a consome o lume e arde en labarada,
se poderá volver a empregar en obra útil!
6Por iso, así fala o meu Señor, Iavé:
—O mesmo que entre a madeira do bosque
eu destinei a madeira da vide para pasto do lume,
así destinarei ó lume os habitantes de Xerusalén
7e dirixirei contra eles o meu noxo:
escaparon do lume,
pero o lume consumiraos.
E vós recoñeceredes que eu son o Señor,
cando dirixa contra eles a miña cara irada,
8e converta a súa terra nunha desolación,
xa que se comportaron perfidamente
—é o Señor quen fala—.
Currently Selected:
Ezequiel 15: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT