YouVersion Logo
Search Icon

Efesios 5

5
1Facédevos, logo, imitadores de Deus, coma fillos queridos, 2e camiñade no amor, igual ca Cristo, que vos amou e que se entregou por nós coma ofrenda e vítima a Deus de recendo agradable.
3De inmoralidades ou de cobizas que nin sequera se fale entre vós, como corresponde a cristiáns. 4Nin haxa tampouco groserías, estupideces ou choqueiradas: son cousas que non proceden. En vez diso dádelle grazas a Deus. 5Tede por certo que quen se dea á prostitución, á inmoralidade ou á cobiza (que é unha idolatría) non herdará o Reino de Cristo e de Deus.
Vivir "na luz"
6Que ninguén vos engaiole con palabras baleiras, que por estas cousas vén a ira de Deus sobre os fillos rebeldes. 7Non vos fagades cómplices delas; 8porque antes, si, erades tebras pero agora sodes luz no Señor. Así que andade coma fillos da luz, 9(porque a luz é toda bondade, xustiza e verdade), 10tendo en conta o que agrada ó Señor. 11E non compartades as obras estériles das tebras; polo contrario, denunciádeas, 12que do realizado por eses tales ás agachadas dá vergonza mesmo falar. 13Pero todo iso, cando o delata a luz, queda ó descuberto, 14pois todo o que se manifesta é luz. Por iso dise:
Acorda, ti que estás a durmir,
érguete do medio dos mortos
e Cristo iluminarate.
15Mirade, logo, con tino como camiñades: non coma atolados senón coma sensatos, 16Aproveitando ben este tempo, que corren días malos. 17Por iso, non sexades irreflexivos; ó contrario, tratade de comprender cal é a vontade do Señor.
18Non vos emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en vez diso enchédevos de Espírito, 19falando entre vós con salmos, himnos e cánticos espirituais, cantando e salmodiando con toda a alma para o Señor 20e dándolle grazas decote a Deus Pai, por todo, no nome do noso Señor Xesús Cristo.
As relacións domésticas
21Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo: 22As mulleres sométanse ós propios maridos, coma se fose o Señor, 23pois o marido é cabeza da muller, coma tamén Cristo é cabeza da Igrexa, o salvador do corpo. 24E, coma a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres ós seus maridos, en todo.
25Homes, amade as vosas mulleres, coma tamén Cristo amou a Igrexa e se entregou por ela 26para santificala, purificándoa co baño de auga na palabra, 27e para presentala deste xeito diante de si, radiante, sen lixo nin engurra nin cousa polo estilo senón santa e inmaculada. 28Así deben tamén os maridos amar as súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa muller, ámase a si mesmo, 29porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e aquece, como fai Cristo coa Igrexa, 30porque somos membros do seu corpo.
31Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un único ser. 32Grande misterio é este e eu refíroo a Cristo e á Igrexa. 33En calquera caso, todos e cada un de vós, debe amar a súa muller coma a si mesmo; e a muller, que respecte ó seu marido.

Currently Selected:

Efesios 5: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in