YouVersion Logo
Search Icon

Efesios 3

3
A misión de Paulo
1Por esa razón eu, Paulo, preso por mor de Cristo Xesús e por vos levar este ben a vós, os xentís... 2Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso: 3xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio, tal como escribín antes en poucas palabras; 4polo que, ó lelo, podedes esculcar como entendo eu o misterio de Cristo, 5que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito ós seus santos apóstolos e profetas: 6que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo 7do que me fixo servidor a xenerosa graza que Deus me concedeu coa eficacia do seu poder. 8A min, o máis cativo de todos os crentes, concedéuseme o honor de anunciarlles ós xentís a inimaxinable riqueza de Cristo 9e amosarlles a todos a realización do misterio escondido desde sempre en Deus, que creou todas as cousas. 10Así desde o ceo e por medio da Igrexa dáselles a coñecer a principados e autoridades a variedade de formas da sabedoría de Deus, 11contidas no proxecto eterno que se levou a cabo por medio de Cristo Xesús, noso Señor. 12Grazas a El temos a liberdade de acceso confiado, pola fe nel. 13Por isto pídovos que non vos desmoralicedes polas tribulacións que paso por causa vosa, que precisamente elas son a vosa gloria.
Grandeza do amor de Cristo
14Por esta razón axeónllome perante o Pai, 15de quen toma nome toda paternidade no ceo e mais na terra, 16para que vos conceda segundo a riqueza da súa gloria, que se robusteza poderosamente en vós o home interior por medio do seu Espírito; 17que Cristo habite pola fe nos vosos corazóns e que teñades a vosa raíz e o voso alicerce no amor, 18de xeito que poidades comprender, con todo o pobo crente, o ancho, o longo, o alto e o profundo que é 19o amor de Cristo, que supera todo coñecemento; e así quededes cheos da plenitude total, que é Deus.
Doxoloxía
20A aquel que, con esa potencia que actúa en nós, pode facer moito máis inmensamente máis do que nós poidamos pedir ou imaxinar, 21A El a gloria na Igrexa e en Cristo Xesús, por todas as xeracións de séculos de séculos. Amén.

Currently Selected:

Efesios 3: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in