Qohélet (Eclesiastés) 1
1
1Verbas de Qohélet, fillo de David, rei en Xerusalén.
2Nada máis ca un sopro, —di Qohélet— un lene sopro, un breve aire é todo.
I. O home, limitado e fuxidío
3Que proveito tira o home de todas as angueiras polas que traballa
baixo o sol?
4Vaise unha xeración, vén outra,
e a terra sempre queda.
5Sae o sol, ponse o sol,
volta sen folgos ó seu posto;
de alí torna a xurdir.
6Torna ó Sur, vira para o Norte,
xira que xira, camiña o vento;
volve o vento ás súas reviravoltas.
7Todos os ríos van dar no mar,
e o mar non se enche.
Para onde os ríos camiñan,
alí tornan incesantes.
8Todas as verbas se esgotan;
ninguén acada a expresarse.
O ollo non se dá farto de ver,
non se enche a orella de oír.
9O que foi, iso será;
o que xa se fixo, farase;
pois nada hai novo baixo o sol.
10Supón que de algo se diga:
—"Mira que isto é novo".
...Pois xa aconteceu nos tempos que nos precederon.
11Non hai memoria dos devanceiros,
nin a haberá dos vindeiros;
non os relembrarán os que veñan despois.
Cal é o senso da vida, da sabedoría e do pracer?
12Eu, Qohélet, reinei sobre Israel en Xerusalén,
13e propúxenme pescudar e investigar aleuto todo canto acontece baixo o sol: dura tarefa que Deus lles impón ós humanos para que nela se afanen.
14Contemplei todas as accións que se fan baixo o sol. Resultado: todo é efémero e papar ventos.
15O torcido non se pode endereitar,
co que non hai non se pode contar.
16Pensei para min: sen dúbida fíxenme famoso amoreando máis sabedoría ca todos os que me precederon en Xerusalén; e a miña mente acadou grande saber e ciencia.
17Esforceime así en coñecer o que é a Sabedoría e o que son a Necidade e a Tolemia, e agora decátome de que tamén iso é papar ventos, 18pois:
"moito saber, moita molestia,
e canta máis ciencia, máis sufrir".
Currently Selected:
Qohélet (Eclesiastés) 1: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT