Deuteronomio 24
24
Prohibición de volver a casar coa mesma muller que se repudiou
1Se un home colle muller e casa con ela, pero logo, se ela non atopa amor ós seus ollos, xa que el encontrou nela cousas que o fan avergoñarse, entón escribiralle o documento de repudio e entregarallo na man botándoa da casa. 2Entón se ela sae da casa del e vai e volve ser muller doutro home; 3se estoutro home non a quere e lle escribe o documento de repudio entregándollo na man e despedíndoa da casa, ou se morre estoutro home que casou coa muller, 4o primeiro marido, o que a despediu, non poderá volver collela para que sexa a súa muller, despois que ela se volveu impura. Si, isto sería unha abominación na presenza do Señor, e non podes encher de pecados o país que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza.
Leis de protección social
5Se un home hai pouco que casou coa muller, non sairá co exército, nin se irá á casa del por calquera cousa; estará libre durante un ano na súa casa e gozará coa muller coa que casou.
6Non se collerán como fianza as dúas pedras do muíño, e nin sequera a moa, pois colleríase en fianza unha vida.
7Se acontece que un home secuestra a outro de seus irmáns entre os fillos de Israel, e o vende despois de maltratalo, o secuestrador ha de morrer. Deste xeito retirarás a maldade do medio de ti.
8Precavédevos das chagas da lepra, poñendo moita atención e cumprindo todo o que vos ensinen os sacerdotes levitas. Estade atentos a facer tal como eu llelo mandei. 9Lembrádevos do que o Señor, o teu Deus, lle fixo a María polo camiño, cando saístes de Exipto.
10Cando lle emprestes ao teu próximo calquera cousa, non entres na súa casa a collerlle fianza: 11has de esperalo fóra, e que o home a quen ti lle emprestaches, che saque a fianza fóra. 12Se fose un pobre, non te deites na súa fianza: 13has de lle devolver a fianza ao pórse o sol, e deste xeito deitarase cuberto co seu manto e bendicirate, e ti terás na presenza do Señor, o teu Deus, unha obra xusta.
14Non explotarás o xornaleiro, oprimido e pobre, sexa un dos teus irmáns ou un dos emigrantes que hai no teu país, nas portas das túas cidades. 15No seu día entregaraslle o seu xornal, de xeito que non se poña o sol sobre ese xornal, pois el é un oprimido e está arelando o seu xornal; non sexa que chame ao Señor contra ti e o feito che sexa pecado.
16Non se condenará á morte os pais por culpa dos fillos, nin se condenará á morte os fillos por culpa dos pais: condenarase á morte a cada un polo seu pecado.
Leis en favor dos pobres
17Non estorbarás o xusto xuízo do emigrante nin do orfo, nin collas en fianza o vestido dunha viúva. 18Lémbrate de que fuches servo en Exipto e de que o Señor, o teu Deus, te rescatou de alí. Por isto eu che mando que poñas en obra esta lei.
19Se segas a túa anada no teu campo e esqueces un monllo, non deas a volta para collelo: será para o emigrante, para o orfo e para a viúva, a fin de que o Señor, o teu Deus, te bendiga en todas as obras da túa man.
20Se vareas a túa oliveira, non varees de segundas as ramas verdes: o que quede será para o emigrante, para o orfo e para a viúva.
21Se vendimas a túa viña, non rebusques de segundas: o rebusco será para o emigrante, para o orfo e mais para a viúva. 22Así lembraraste de que fuches servo no país de Exipto. Por isto eu che mando que poñas en obra esta lei.
Currently Selected:
Deuteronomio 24: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT