Deuteronomio 21
21
Ritual de expiación do sangue vertido por un descoñecido
1Se aparecese un home apuñalado na terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar en posesión —un que caeu morto no descampado e non se sabe quen o matou—, 2sairán os teus anciáns e os teus xuíces, e medirán a distancia que hai ás cidades que haxa preto do apuñalado. 3Verán cal é a cidade máis próxima ao apuñalado e os anciáns desa cidade collerán unha xovenca coa que non se traballou nin se puxo ao xugo; 4logo os anciáns desa cidade farán baixar a xovenca ata un río de auga perenne, onde non se cultive nin se semente, e descrocarán alí a xovenca no río. 5Os sacerdotes, fillos de Leví, aproximaranse, pois escolleunos o Señor, o teu Deus, para servilo, para bendicir no Nome do Señor e para que calquera litixio e calquera caso de morte se resolva coa súa declaración; 6e os anciáns desa cidade, os que están cerca do apuñalado, lavarán as súas mans sobre a xovenca descrocada no río, 7e declararán deste xeito: As nosas mans non verteron este sangue, os nosos ollos non viron nada. 8Perdoa o teu pobo Israel, a quen ti redimiches, Señor, e non deixes que o sangue inocente siga estando no medio do teu pobo Israel. Deste xeito, o sangue vertido quedaralles expiado. 9Ti aparta do medio de ti o sangue inocente vertido; si, fai o que é recto ós ollos do Señor.
O matrimonio cunha cativa de guerra
10Cando saias á guerra contra o teu inimigo e o Señor, o teu Deus, cho entregue no teu poder e o leves cativo, 11se ves entre os presos unha muller de fermosa figura e atopas compracencia nela e a queres coller como muller, 12entón farala entrar dentro da túa casa; ela rapará a súa cabeza e axeitará as súas uñas, 13quitará o vestido da súa escravitude e vivirá na túa casa; logo fará dó por seu pai e por súa nai durante os días dunha lunación; e despois disto uniraste a ela, casarás con ela e será a túa muller. 14Pero se despois resulta que non atopas compracencia nela, déixaa marchar á súa vontade, pero vender non a vendas por diñeiro. Non a maltrates, despois que a posuíches.
O dereito de primoxenitura
15Se un home ten dúas mulleres, unha benquerida e outra desdeñada, e a benquerida e mais a desdeñada lle dan fillos, pero o fillo primoxénito é da desdeñada, 16o día que reparta toda a súa herdanza, todo o que ten, entre os seus fillos, non poderá constituír primoxénito o fillo da benquerida contra o dereito do fillo da desdeñada, que é o primoxénito; 17senón que ha de recoñecer como primoxénito o fillo da desdeñada dándolle parte dobre en todo o que lle pertenza, pois el é a primicia do poder xerador do pai: a el perténcelle o dereito de primoxenitura.
Pena de morte para o fillo rebelde
18Se un home tivese un fillo rebelde e bebedor que nin fai caso de seu pai nin de súa nai, pois aínda que o corrixan non lles fai caso, 19collerano o seu pai e a súa nai e sacarano fóra perante os anciáns da súa cidade, ás portas do seu lugar. 20Diranlles ós anciáns da súa cidade: Este fillo noso é un rebelde e un borracho, non nos fai caso, é un comellón e un borracho. 21Logo apedrarano a cantazos todos os homes da súa cidade e morrerá. Deste xeito apartarás o mal do medio de ti, e todo Israel escoitarao e collerá medo.
O cadáver colgado dunha árbore
22Se un home tivese un pecado castigado coa pena de morte e hai que lle dar morte, colgaralo dunha árbore. 23O seu cadáver non pasará a noite colgado na árbore, senón que o has de enterrar no mesmo día, pois o colgado é unha maldición de Deus, e non debes volver impura a terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza.
Currently Selected:
Deuteronomio 21: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT