Deuteronomio 19
19
As cidades de asilo para os homicidas involuntarios
1Cando o Señor, o teu Deus, destrúa os pobos dos que o Señor, o teu Deus, che vai dar o país, e cando tomes posesión deles e vivas nas súas cidades e nas súas casas, 2porás á parte tres cidades no medio do teu país, que o Señor, o teu Deus, che vai dar para que o posúas. 3Establecerás alí autoridades e dividirás en tres o territorio do país que che dea en herdanza o Señor, o teu Deus. Deste xeito haberá onde poida escapar calquera homicida.
4Esta é a lei do homicida que ha de escapar alí, e seguirá vivo: se un mata o seu próximo sen querer pois non o aborrecía anteriormente; 5por exemplo: un vai co seu próximo ao bosque para abater árbores e o seu brazo enrédaselle coa machada no momento de cortar a árbore e o ferro salta do mango e dá contra o seu próximo e este morre, aquel debe fuxir a unha destas cidades, e poderá seguir vivo; 6non sexa que o vingador do sangue vertido persiga ao homicida porque arde o seu corazón e que o alcance por ser o camiño moi longo, e que o mate, pero o homicida non incorre en pena de morte, xa que non lle tiña odio ao seu próximo anteriormente. 7Por isto é polo que eu che mando que poñas á parte tres cidades.
8Se o Señor, o teu Deus, ensancha as túas fronteiras, tal como llelo xurou a teus pais e che dá toda a terra que lles prometeu dar a teus pais 9—xa que ti estás atento a pór en práctica todos estes mandamentos que eu che mando hoxe, para amar ao Señor, teu Deus, e camiñar polos seus vieiros todos os días—, entón engadirás aínda tres cidades ás outras tres. 10Así non se verterá sangue inocente no medio do país que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza, e ese sangue non recaerá sobre ti.
11Se un lle ten odio ao seu próximo e se pon a axexalo, levántase contra el, golpéao de morte e este próximo morre, aquel escapará a unha desas cidades. 12Pero os anciáns da súa cidade, mandarán xente que o saquen de alá e o entreguen no poder do vingador do sangue vertido, para que morra. 13Os teus ollos non terán compaixón del, senón que retirarás de Israel o sangue inocente vertido e serás feliz.
Respectar os marcos que puxeron os devanceiros
14Non retirarás para atrás os marcos do teu próximo que puxeron os devanceiros na túa herdanza, a que ti vas herdar no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar en posesión.
As testemuñas do xuízo e a lei do talión
15Unha testemuña non se presentará soa contra un home por calquera crime, por calquera pecado e por calquera falta que cometa; o ditame xudicial establecerase pola declaración de dúas testemuñas ou pola declaración de tres. 16Se se presenta unha testemuña falsa contra un home, acusándoo de apostasía, 17os dous homes que teñen a disputa comparecerán na presenza do Señor, na presenza dos sacerdotes e dos xuíces que haxa nos días aqueles, 18e os xuíces han de investigar seriamente. Se a testemuña resulta ser testemuña falsa, ten deposto falsidade contra o seu irmán; 19entón farédeslle o mesmo que pensaba el facerlle ao seu irmán. Deste xeito apartarás a maldade do medio de ti. 20O resto da xente escoitará isto, e collerá medo e non seguirán a facer outra vez maldade coma esta no medio de ti. 21Si, que o teu ollo non teña compaixón: vida por vida, ollo por ollo, dente por dente, man por man, pé por pé.
Currently Selected:
Deuteronomio 19: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT