YouVersion Logo
Search Icon

Deuteronomio 15

15
O ano sabático: a remisión das débedas cada sete anos
1O cabo de sete anos farás a remisión das túas débedas.
2Esta é a lei da remisión: todo posuidor de máis do seu lote de terra ha de soltar a súa posesión xa que ocupou a do seu próximo. Non apremará o seu próximo nin o seu irmán, xa que foi proclamada a remisión de parte do Señor.
3Podes apremar o estranxeiro; pero a facenda de teu irmán soltarala da túa posesión.
4Asi que dentro de ti non haberá pobres, pois o Señor hate bendicir abundantemente no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar para o posuíres en herdanza, 5coa única condición de que lle fagas caso á voz do Señor, o teu Deus, estando atento a cumprir todo este mandamento que eu che mando hoxe. 6Si, o Señor, o teu Deus, bendicirate tal como cho prometeu, e prestaraslles con intereses a pobos numerosos, pero ti non pedirás prestado; mandarás en pobos numerosos, pero en ti non mandarán.
7Se hai en ti algún pobre entre algún dos teus irmáns nalgunha das portas das cidades do teu país, que o Señor, o teu Deus, che vai dar, non endurezas o teu corazón nin peches a túa man, prescindindo do teu irmán que é pobre. 8Abrelle a túa man cumpridamente e préstalle a crédito todo o que el precise, pois pode ter falta diso. 9Gárdate ben de que haxa no teu corazón palabra do que non aproveita pensando: está cerca o ano sétimo, o ano da remisión das débedas, e de que así o teu ollo sexa avarento con teu irmán, que é pobre, e de non lle dares nada, pois clamará ao Señor contra ti e iso será un pecado para ti. 10Dálle abundantemente, e que a túa intención non sexa avarenta ao dáreslle, pois por mor deste feito hate bendicir o Señor, o teu Deus, en todas as túas obras e en todas as túas empresas.
11Olla que nunca faltará o pobre no medio do país. Por isto, eu mándoche: Ábrelle cumpridamente a túa man a teu irmán, ao teu oprimido e ao teu pobre, no teu país.
A manumisión dos escravos hebreos
12Se teu irmán, sexa hebreo ou hebrea, se vende a ti, hate servir durante seis anos, pero no ano sétimo mandaralo marchar libre de onda ti, 13e cando o deixes marchar libre de onda ti, non o mandes marchar sen nada, 14cárgao abundantemente con crías do teu rabaño, con froitos da túa eira e do teu lagar. Dálle daquilo co que o Señor, o teu Deus, te bendiciu. 15Lémbrate de que fuches servo no país de Exipto e de que te redimiu o Señor, o teu Deus. Por isto mándoche hoxe este precepto.
16Pero pode suceder que che diga: Non quero saír de onda ti, pois tenche amor a ti e á túa casa, porque está feliz contigo. 17Entón collerás o punzón e furaraslle a orella contra o batente da túa porta, e será para ti servo, para sempre; e tamén farás o mesmo coa serva. 18Non lle resulte duro á túa cobiza o deixalo marchar libre de xunto a ti, pois serviute polo dobre do xornal dun xornaleiro durante seis anos, e o Señor, o teu Deus, hate bendicir en todo o que fagas.
A consagración dos primoxénitos dos animais domésticos
19Todo primoxénito macho que naza no teu gando e no teu rabaño, consagraralo ao Señor, o teu Deus. Non traballarás co primoxénito da túa vaca nin raparás o primoxénito das túas ovellas. 20Na presenza do Señor, o teu Deus, has comelo ano tras ano, ti e mais a túa casa, no santuario que o Señor escolla. 21Pero se hai algún defecto nel, coxo ou cego, ou calquera outro defecto malo, non llo ofrecerás en sacrificio ao Señor, o teu Deus. 22Comerano dentro das portas da túa cidade tanto quen está puro coma quen está impuro, comerano xuntos, o mesmo que se fose unha gacela ou un cervo. 23Soamente o seu sangue non o comerás, verteralo na terra como se fose auga.

Currently Selected:

Deuteronomio 15: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in