Deuteronomio 1
1
Introdución histórica
1Estas son as palabras que lle dirixiu Moisés a todo Israel na outra beira do Xordán, no deserto, isto é, na Arabah, enfronte de Suf, entre Parán por unha banda e Tofel, Labán, Haserot e Dizahab pola outra.
2Para viren desde o Horeb ata Cadex Barnea pola serra de Seir cumpríronlles once días. 3O día primeiro do undécimo mes do ano corenta, faloulles Moisés ós israelitas, tal e como lle mandara o Señor que lles falase, 4despois de que Moisés derrotara ao rei dos amorreos, Sihón, que reinaba en Hexbón, e despois de que derrotara en Edrei ao rei de Baxán, Og, que reinaba en Axtarot. 5O outro lado do Xordán, no país de Moab, comezou Moisés a pór en claro esta Lei dicíndolles:
A doazón da Terra Prometida
6"O Señor, noso Deus, falounos no Horeb, nestes termos: xa levades vivindo de abondo nestas serras. 7Arrincade as vosas tendas e entrade na serra dos amorreos e onda os seus veciños que viven na Arabah, na montaña e na Terra Baixa, no Négueb e na beira do mar. Ollade para o país dos cananeos e para o Líbano ata o río grande, o río Éufrates. 8Poño diante de vós esta terra: entrade a tomar posesión da terra que o Señor lles prometeu con xuramento ós vosos pais, a Abraham, a Isaac e mais a Xacob: que llela daría a eles e á súa descendencia despois deles.
Institución dos Xuíces nunha comunidade organizada
9Daquela díxenvos deste xeito: Non son capaz eu só de vos rexer; 10o Señor, voso Deus, multiplicouvos e velaí que hoxe sodes unha multitude coma as estrelas do ceo. 11Que o Señor, Deus dos vosos pais, vos aumente mil veces máis e que vos bendiga tal e como volo prometeu. 12E como poderei aguantar eu só as vosas dificultades, os vosos problemas e os vosos litixios? 13Procurádevos para as vosas tribos homes de experiencia, intelixentes e instruídos, e eu poreinos á fronte de vós.
14Entón vós respondéstesme: Está ben o plan que nos propuxeches facer.
15Logo eu escollín para pór á fronte das vosas tribos homes de experiencia e instruídos, e púxenos á vosa fronte: xefes de mil, xefes de cento, xefes de cincuenta e xefes de dez, para cada unha das vosas tribos.
16Naquel momento deilles tamén estas normas ós vosos xuíces: Escoitade os litixios entre os vosos irmáns, e sentenciade conforme a xustiza os preitos entre un e o seu irmán, ou entre un e o estranxeiro que con el vive. 17No xuízo non teñades en conta o aspecto das persoas: atendede ao pequeno o mesmo ca ao grande; non lle teñades medo á presenza de ninguén, pois o xuízo é cousa que lle pertence ao Señor. O preito que vos resulte difícil traédemo a min, que eu o escoitarei. 18Naquel momento tamén vos mandei todas as normas que tendes que cumprir.
Exploración do país e primeira desconfianza con Deus
19Logo marchamos do Horeb e, atravesando todo aquel inmenso e terrible deserto que vós vistes, polos montes dos amorreos, tal como nolo mandara o Señor, noso Deus, chegamos a Cadex Barnea. 20Entón eu díxenvos: Xa chegastes ós montes dos amorreos, que o Señor, o noso Deus, nos entrega. 21Olla: o Señor, o teu Deus, ponche diante este país: Sube e toma posesión del, tal como o Señor, Deus dos teus pais, cho prometeu. Non teñas medo nin te acovardes!
22Entón todos vós presentástesvos diante miña e dixestes: É mellor que mandemos uns homes diante de nós para que nos exploren o terreo e nos informen do camiño por onde temos que subir e das cidades que temos que tomar.
23Pareceume ben a proposta, e escollín de entre vós doce homes, un home por tribo. 24Eles emprenderon a subida cara ós montes, e chegaron á ribeira do Excol; e percorrérona a pé. 25Colleron a proba dos froitos deste país, e baixaron xunto a nós para nos informaren.
Dixeron: É boa a terra que o Señor, o noso Deus, nos vai dar. 26Pero vós non quixestes subir e rebelástesvos contra a orde do Señor, voso Deus. 27Levantastes calumnias baixo as vosas tendas, dicindo: Polo odio que o Señor nos ten, foi polo que nos sacou do país de Exipto, para nos entregar ao poder dos amorreos, para que nos fagan desaparecer. 28Onde imos nós subir? Os nosos irmáns fixeron esmorecer os nosos corazóns, ao diciren: Son un pobo máis grande e máis corpulento ca nós, cidades máis grandes e máis cortadas a pico có ceo e mesmo vimos alí anaquitas. 29Entón díxenvos: Non estarrezades nin lles teñades medo. 30O Señor, o voso Deus, será quen irá diante de vós; El pelexará no voso favor tal como fixo, diante dos vosos ollos, en Exipto. 31E polo deserto viches como o Señor, o teu Deus, te trouxo no colo, coma un home trae ao seu fillo, por todo o camiño que percorrestes ata chegardes a este lugar. 32Pero a pesar deste razoamento vós non vos fiastes do Señor, o voso Deus, 33quen ía por diante de vós polo camiño, para vos buscar sitio onde acampar, quen ía diante de vós de noite, no lume, para que vísedes o camiño por onde tiñades que marchar, e de día, na nube.
34O escoitar o Señor o rumor das vosas palabras, enfadouse, e con xuramento dixo: 35Ninguén destes homes, ninguén desta xeración pervertida verá esa terra bendita, que xurei darlles ós vosos pais, 36excepto Caleb, fillo de Iefuneh; este poderá vela e eu dareilles a el e ós seus fillos a terra que pise, xa que el seguiu sen reservas ao Señor.
37Pola vosa culpa tamén se enfadou o Señor contra min e díxome: Tampouco ti non entrarás alí. 38Xosué, o fillo de Nun, o teu criado, el será quen entrará alí; confiareille o poder, pois el será quen lle repartirá a Israel a terra en herdanza. 39Os vosos meniños, que coidabades que servirían de botín, os vosos fillos que hoxe aínda non saben distinguir o ben do mal, eles serán os que entrarán alí, a eles dareilles a terra e eles tomarán posesión dela. 40Vosoutros dade a volta e botádevos ao deserto na dirección do Mar Rubio.
41Entón vós repondéstesme nestes termos: Cometemos pecado contra o Señor. Imos subir e loitar tal como nolo mandou o Señor, noso Deus. Vós cinguistes as vosas armas de guerra e tivestes por cousa fácil subir ós montes.
42Pero o Señor díxome: Dilles isto: Non subades nin trabedes pelexa, ollade que eu non estou no medio de vós para que non vos poidan os vosos inimigos. 43Díxenvolo, pero non me fixestes caso, senón que vos rebelastes contra o mandato do Señor, e cheos de orgullo subistes ós montes. 44Pero os amorreos, que dominaban aquelas montañas, saíronvos ao paso e perseguíronvos o mesmo que o farían as abellas, e derrotáronvos desde Seir ata Hormah. 45O volverdes, puxéstesvos a chorar diante do Señor, pero o Señor non fixo caso do voso choro nin vos escoitou; 46por isto seguistes vivindo en Cadex tanto tempo como alí levabades vivindo.
Currently Selected:
Deuteronomio 1: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT