YouVersion Logo
Search Icon

Daniel 10

10
A visión dos tempos derradeiros
1No ano terceiro de Ciro, rei de Persia, a Daniel, chamado Baltasar comunicóuselle unha palabra. A palabra era certa, un exército enorme. El comprendeu a palabra e entendeu a visión.
2Naquel tempo, eu, Daniel, estiven de loito durante tres semanas. 3Non comín manxares selectos, non probei carne nin viño, nin me perfumei mentres non pasaron as tres semanas enteiras. 4O día vinte e catro do mes primeiro estaba eu na beira do río grande, é dicir, o Tigris. 5Alcei a vista e mirei: vin un home vestido de liño e cinguido cun cinto de ouro puro. 6O seu corpo era coma crisólito; o seu rostro tiña o aspecto dun lóstrego; os seus ollos eran coma fachos acesos; os seus brazos e mais as súas pernas, coma o fulgor do bronce brunido; e o son das súas palabras, coma o murmurio dun xentío.
7Tan só eu, Daniel, vin a aparición; os homes que estaban comigo, aínda que non vían a visión, colleron moito medo e fuxiron a se esconderen. 8Quedei eu só contemplando esta gran visión, pero falláronme as forzas, quedei sen cor, desfigureime e perdín todo o meu vigor. 9Entón oín o son das súas palabras, e no momento de oílas, caín de bruzos desmaiado no chan. 10Nisto tocoume unha man, e sacudiume facéndome erguer sobre os xeonllos e as palmas das miñas mans. 11Despois díxome:
Daniel, home predilecto: fíxate nas palabras que che vou dicir, e ponte dereito, pois acabo de ser mandado onda ti.
En canto me dicía estas palabras erguinme tremendo. 12Logo díxome:
Non teñas medo, Daniel, pois desde o primeiro día en que trataches de comprender e te humillaches ante o teu Deus, as túas palabras foron escoitadas, e vin precisamente con motivo das túas palabras. 13O príncipe do reino de Persia opúxoseme durante vinte e un días, pero Miguel, un dos xefes principais, acudiu a auxiliarme; foi polo que me detiven onda os reis de Persia. 14Vin para che dar a coñecer o que lle vai pasar ó teu pobo nos tempos derradeiros, pois aínda queda unha visión para aqueles días.
15Mentres me dicía estas palabras, eu inclinei o rostro cara ó chan, e gardei silencio. 16Unha figura humana tocoume os labios; entón eu abrín a boca e falei co que estaba diante de min; díxenlle:
Señor, debido a esta visión, eu síntome moi angustiado e estou sen forzas. 17E, como vai poder falar este servo con tal Señor, se me encontro sen forzas e mesmo sen alento?
18Entón a figura humana tocoume outra vez e reconfortoume. 19Díxome:
Non teñas medo, home predilecto! Está tranquilo! Ten valor e anímate.
Mentres me falaba, recobrei forzas, e díxenlle:
Agora podes falar, Señor, xa que me reconfortaches.
20Entón dixo el:
Sabes por que vin onda ti? Teño que volver e loitar contra o príncipe de Persia. Tras partir eu, chegará o príncipe de Grecia. 21Pero vouche comunicar o que está escrito no libro da verdade. Ninguén me presta axuda contra eles, a non ser o voso príncipe, Miguel.

Currently Selected:

Daniel 10: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in