YouVersion Logo
Search Icon

Baruc 4

4
1Ela é o libro dos mandamentos de Deus,
a Lei que permanece para sempre.
Todos os que a aprecian terán a vida,
e os que a deixan a un lado perecerán.
Exhortación á conversión e a camiñar á luz da Lei
2Convértete, Xacob, e abrázaa;
camiña cara á claridade, ó encontro da súa luz.
3Non lle deas a outro a túa gloria;
nin os teus privilexios a unha nación estranxeira.
4Somos felices, Israel,
porque o que agrada a Deus déusenos a coñecer.
Exhortación e consolación profética de Xerusalén:
A) Exhortación ós exiliados
5Ten coraxe, meu pobo, memorial de Israel!
6Fostes vendidos ás nacións,
pero non para a perdición;
por anoxardes a Deus
fostes entregados ós vosos inimigos,
7pois enchestes de ira ó voso creador,
ofrecendo sacrificios ós demos e non a Deus.
8Esquecestes o Deus eterno que vos deu de comer,
e entristecestes a Xerusalén, que vos alimentou.
B) Xerusalén exhorta e consola os seus fillos
9Velaí, Xerusalén viu a ira
que viña contra vós de parte de Deus, e dixo:
"Escoitade, veciñas de Sión,
Deus trae sobre min unha gran dor,
10pois vin a deportación dos meus fillos e das miñas fillas,
que o Eterno fixo vir sobre eles.
11Crieinos con gozo,
pero mandeinos con xemidos e con dores.
12Que ninguén se alegre por min,
viúva e abandonada de todos.
Volvinme un deserto polos pecados dos meus fillos,
porque se apartaron da Lei de Deus
13e non coñeceron os seus preceptos,
nin camiñaron polos camiños dos seus mandamentos,
nin marcharon polos vieiros da educación conforme a súa xustiza.
14Que veñan as veciñas de Sión!
Si, lembrádevos da catividade dos meus fillos e das miñas fillas,
da catividade que o Eterno lles botou enriba,
15pois trouxo contra eles unha nación de lonxe,
unha nación fachendosa, e de lingua estraña,
que non tivo respecto ó ancián
nin piedade co meniño,
16que levou os fillos queridos da viúva
e que a deixou soa, privada das súas fillas.
17E eu, en que vos podo axudar?
18Pero o que trouxo estas calamidades sobre vós,
libraravos das mans dos inimigos.
19Camiñade, filliños, camiñade,
que eu quedei feita un deserto.
20Xa quitei a roupa da fartura
e vestín o saco da miña súplica,
clamarei ó Eterno durante os meus días.
21Tede ánimo, filliños.
Clamade a Deus,
que El vos librará da tiranía, da man dos inimigos,
22pois eu puxen no Eterno a esperanza da vosa salvación,
e xa me veu do Santo unha ledicia,
pola misericordia
que moi logo vos virá do voso eterno Salvador.
23Pois mandeivos con dor e xemidos,
pero Deus devolveravos a min
con ledicia e gozo para sempre.
24Como as veciñas de Sión viron o voso desterro,
así verán axiña a salvación que vén do voso Deus;
salvación que vos virá coa grande gloria e co esplendor do Eterno.
25Filliños, aguantade con paciencia a ira de Deus que veu sobre vós.
O teu inimigo perseguiute,
pero ben logo verás a súa ruína
e camiñarás sobre as súas cabezas.
26Os meus meniños mimados marcharon por camiños esgrevios,
fóronme arrebatados coma un rabaño roubado polos inimigos.
27Animo, meniños: clamade a Deus,
que o que vos castigou lembrarase de vós.
28Como discorrestes para vos apartardes de Deus,
así, unha vez convertidos a El, buscádeo con moitos máis azos.
29Porque o que vos mandou estas desgrazas,
Mandaravos a alegría eterna xunto coa vosa salvación".
O profeta consola a Xerusalén
30Animo, Xerusalén!
Que o que che deu o seu nome consolarate.
31Malditos os que che fixeron mal e se alegraron coa túa caída.
32Malditas as cidades ás que serviron teus fillos,
maldita a que recibiu os teus fillos,
33pois, o mesmo que se alegrou da túa caída
e se encheu de gozo pola túa ruína,
así entristecerá por quedar erma ela mesma.
34Certo, quitareille a alegría á súa poboación numerosa,
e a súa fachenda converterase en dor.
35Pois o Eterno fará vir sobre ela un incendio durante moitos días,
e estará habitada polos demos durante moito tempo.
36Mira para o nacente, Xerusalén,
e olla a ledicia que vén de Deus.
37Velaí veñen os teus fillos, os que ti deixaches marchar,
veñen desde o nacente ata o poñente,
reunidos pola palabra do Santo,
alegrándose coa gloria de Deus.

Currently Selected:

Baruc 4: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in