YouVersion Logo
Search Icon

Feitos 5

5
Ananías e Safira: o fraude ó Espírito
1Un home chamado Ananías, de acordo con Safira a súa muller, vendeu unha propiedade, 2gardou unha parte do prezo, sendo ela sabedora, e o resto depositouno ós pés dos apóstolos. 3Pero Pedro díxolle:
—Ananías, por que encheu Satán o teu corazón, para lle mentires ó Espírito Santo e defraudares no prezo da propiedade? 4Non eras libre de a venderes ou non? E vendida, non continuaba no teu poder? Como se che ocorreu faceres isto? Non enganaches os homes, enganaches a Deus.
5O sentir estas palabras, Ananías caeu morto. E apoderouse un gran temor de todos os que sentiron isto. 6Levantáronse os máis novos, amortallárono e, levándoo para fóra, enterrárono.
7Pasadas unhas tres horas entrou a súa muller, que non sabía nada do caso, 8e preguntoulle Pedro:
Dime vendestes a propiedade en tanto?
Ela contestou:
Si, en tanto.
9Entón díxolle Pedro:
Por que acordastes isto, para tentardes o Espírito do Señor? Mira, chegan á porta os pés dos que enterraron o teu home e vante levar a ti tamén.
10No instante, caeu ós seus pés e morreu. Cando entraron os mozos, atopárona morta e enterrárona a carón do seu home.
11Un gran temor apoderouse entón de toda a Igrexa e de todos os que sentiron estas cousas.
Milagres dos apóstolos
12Pola man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban de común acordo no pórtico de Salomón; 13dos outros ninguén ousaba xuntarse con eles, aínda que o pobo os tiña en grande estima. 14A cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis. 15A tal punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles. 16Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados.
Os apóstolos na cadea. Liberados milagrosamente, interróganos as autoridades xudías
17Entón o gran sacerdote e todos os seus, que formaban a seita dos saduceos, enchéronse de rabia; 18botaron man dos apóstolos e metéronos na prisión pública. 19Mais de noite, o anxo do Señor abriu as portas da prisión pública, fíxoos saír e díxolles:
20Ide, presentádevos no templo, e faládelle ó pobo toda a mensaxe desa Vida.
21Sentindo isto, entraron no templo ó amencer e ensinaban.
Mentres, chegou o xefe dos sacerdotes cos seus, reuniron o Sanedrín e todo o Senado israelita e mandáronos ir buscar á prisión, para facelos comparecer. 22Mais, chegados os gardas á prisión, non os encontraron; volveron e anunciáronllelo.
23Certamente o cárcere atopámolo pechado con toda seguranza, e as sentinelas montando garda diante das portas; pero, cando abrimos, non encontramos a ninguén dentro.
24O que sentiron estas palabras, tanto o oficial da garda do templo coma os xefes dos sacerdotes, cavilaban perplexos como sucedera aquilo. 25Nisto chegou un que lles dixo:
Os homes que encarcerastes están no templo e ensinando ó pobo.
26Entón foi o xefe da garda cos seus axudantes e trouxéronos; pero sen violencia, porque tiñan medo de que a xente lles tirase pedras.
27En chegando presentáronos ó Sanedrín. O xefe dos sacerdotes interrogounos:
28Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa vosa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home. 29Pedro e os apóstolos responderon:
Cómpre obedecer a Deus antes cós homes. 30O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; 31pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. 32E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá ós que o obedecen.
33O sentiren isto, rabiaban de carraxe e queríanos matar. 34Pero erguéndose no consello un fariseo que se chamaba Gamaliel, mestre da Lei, apreciado por todo o pobo, ordenou que, por un pouco, levasen para fóra ós apóstolos. 35Dixo:
Israelitas: coidadiño co que ides facer con eses homes! 36Porque nestes últimos tempos ergueuse Teudas, dicindo ser alguén, e xuntóuselle un número duns catrocentos homes: pero, en canto o mataron a el, todos os que o seguiron disolvéronse e non quedou nada. 37Despois del nos días do empadroamento, alzouse Xudas o Galileo, que arrastrou xente tras el; tamén el morreu e todos os que o seguían se dispersaron. 38E agora dígovos: desentendédevos deses homes, deixádeos estar, que, se esta empresa ou esta obra é cousa de homes, desfarase por si mesma; 39pero, se é de Deus, non a poderedes desfacer. Non vaia ser, mesmo, que vos encontredes loitando contra Deus!
E cadraron de acordo. 40Entón chamaron polos apóstolos, e, despois de os azoutar, ordenáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos ir. 41Eles saíron de diante do consello moi alegres de resultaren dignos de sufrir por mor do Nome; 42e cada día, no templo e nas casas non paraban de ensinar e de anunciar a Boa Nova de que Xesús é o Mesías.

Currently Selected:

Feitos 5: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in