Feitos 26
26
Discurso de Paulo defendéndose diante do rei Agripa
1Agripa díxolle a Paulo:
Tes consentimento para falares na túa defensa.
Entón Paulo, estendendo a man, principiou a súa defensa.
2Considérome feliz, rei Agripa, de poderme defender diante de ti de todo o que me acusan os xudeus, 3maiormente por seres coñecedor de todos os costumes e controversias que hai entre os xudeus. Por iso pídoche que me escoites con paciencia.
4A miña vida a partir da mocidade, que pasei desde o comezo entre o meu propio pobo, en Xerusalén, sábena todos os xudeus. 5Eles coñécenme desde hai moito tempo e, se quixesen, poderían atestar que vivín coma fariseo, o partido máis rigoroso da nosa relixión.
6Curiosamente é pola esperanza na promesa feita por Deus ós nosos pais polo que me atopo aquí en xuízo; 7promesa que as doce tribos esperan acadar servindo decote a Deus, noite e día. Por esa esperanza, maxestade, acúsanme os xudeus! 8Por que coidades incrible que Deus resucite os mortos?
9En canto a min, crinme obrigado a combater con todos os medios contra o nome de Xesús de Nazaret. 10Iso foi o que fixen en Xerusalén: co poder que me deran os sumos sacerdotes, eu mesmo metín no cárcere moitos cristiáns e, cando os mataban, dábao por ben feito. 11Moitas veces, polas sinagogas, con torturas, obrigábaos a blasfemar e, cheo de carraxe contra eles, perseguíaos mesmo nas cidades de fóra.
12Foi así, que, indo a Damasco con poder e permiso dos sumos sacerdotes, 13Á mediodía, maxestade, vin no camiño unha luz baixada do ceo e máis brillante có sol, que resplandecía arredor de min e dos meus compañeiros de viaxe. 14Todos caemos ó chan e sentín unha voz que me dicía en lingua hebrea: "Xaúl, Xaúl, por que me persegues? Non gañas nada con dares couces contra o aguillón". 15Eu preguntei: "Quen es, Señor?". E o Señor respondeu: "Eu son Xesús, a quen ti persegues. 16Pero érguete e ponte dereito, pois aparecinme a ti para te poñer coma servidor e testemuña do que de min viches e do que che amosarei, 17librándote do pobo e dos pagáns ós que te mando, 18para que lles abras os ollos a fin de que volvan das tebras á luz e do poder de Satán a Deus e, pola fe en min, reciban o perdón dos pecados e mais a herdade entre os santos".
19E non desobedecín, rei Agripa, a visión celestial. 20O contrario, primeiro ós de Damasco, despois ós de Xerusalén, e en toda a rexión da Xudea e por fin ós pagáns, prediqueilles que se arrepintan e que se convertan a Deus e que vivan como corresponde á conversión. 21Por este motivo prendéronme os xudeus no Templo e tentaron de me matar. 22Pero coa axuda de Deus mantéñome ata hoxe dando testemuño a pequenos e grandes, sen me saír do que predixeron Moisés e mais os Profetas: 23que o Mesías tiña que padecer e que, resucitado o primeiro de entre os mortos, anunciaríalles a luz ó noso pobo e ós pagáns.
24Estando neste punto da súa defensa, exclamou Festo:
Estás tolo, Paulo; tanto saber revirouche o xuízo!
25Pero Paulo díxolle:
Non estou tolo, excelentísimo Festo; as miñas palabras son verdadeiras e asisadas. 26O rei sabe moito destas cousas e por iso fálolle francamente, pois non creo que as ignore, dado que non ocorreron nun recanto. 27Cres nos profetas, rei Agripa? Ben sei que cres.
28Agripa respondeulle a Paulo:
A pouco máis convéncesme para me facer cristián!
29E Paulo dixo:
Deus queira que, en moito ou en pouco, non só ti senón todos os que hoxe me escoitan se fixesen coma min, fóra estas cadeas, claro.
30O rei, o gobernador, Berenice e os que estaban sentados con eles erguéronse. 31O se retiraren comentaban: "este home non cometeu cousa que sexa merecente nin de morte nin de cadeas". 32E Agripa díxolle a Festo:
Este home xa podía estar ceibo, se non apelase ó César.
Currently Selected:
Feitos 26: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT