YouVersion Logo
Search Icon

Feitos 11

11
A Igrexa de Xerusalén vence as súas reservas e acepta os pagáns conversos
1Os apóstolos e os irmáns da Xudea sentiron dicir que tamén os pagáns recibiran a palabra de Deus. 2Cando Pedro subiu a Xerusalén, os da circuncisión botábanlle na cara:
3Ti fuches á casa de incircuncisos e comiches con eles!
4Entón Pedro explicóullelo punto por punto.
5Estaba eu na cidade de Iope, orando, cando tiven en éxtase unha visión: era un obxecto talmente coma un gran lenzo, que baixaba do ceo pendurado polas catro puntas e chegou onda min. 6Mirando para el e observando con atención, vin os cuadrúpedes da terra, as feras, os réptiles e os paxaros do ceo; 7e sentín unha voz que me dicía: "Érguete, Pedro, mata e come". 8Pero eu dixen: "De ningunha maneira, Señor, porque nunca levei á boca nada profano ou impuro". 9Por segunda vez sentín a voz do ceo: "O que Deus purificou, non o chames ti profano". 10Isto pasou tres veces, e despois retirouse todo para o ceo.
11E, fixádevos, nisto preséntanse na casa onde estabamos tres homes que mandaran desde Cesarea en busca miña. 12Díxome entón o Espírito que fose con eles sen reparos. Viñeron tamén comigo estes seis irmáns, e entramos na casa do home, 13que nos contou como vira ó anxo presentárselle na súa casa e dicir: "manda alguén a Iope a por Simón, chamado Pedro; 14el hache dicir palabras polas que te salvarás ti e todos os da túa casa". 15E cando comezaba eu a falar, veu o Espírito Santo sobre eles talmente como veu sobre nós ó comezo. 16Lembrei entón as palabras do Señor, cando dicía: "Xoán bautizou con auga, pero vos bautizarédesvos co Espírito Santo". 17E pois, se Deus lles concedeu o mesmo don ca a nós, por creren no Señor Xesús Cristo, quen era eu para me opoñer a Deus?
18O sentiren isto, acougaron e glorificaron a Deus, comentando; "De xeito que Deus tamén concedeu ós pagáns o arrepentimento, para acadaren a vida!".
EXPANSIÓN DA IGREXA FÓRA DE PALESTINA
Antioquía, primeira Igrexa de pagáns conversos. Unión coa Igrexa de Xerusalén
19Os que se dispersaran fuxindo da persecución orixinada por cousa de Estevo, chegaron ata a Fenicia, Chipre e Antioquía, sen predicaren a ninguén a palabra, agás ós xudeus. 20Con todo, houbo algúns de entre eles, homes de Chipre e de Cirene, que chegados a Antioquía comezaron a falar tamén cos gregos, anunciándolles a Boa Nova do Señor Xesús. 21A man do Señor estaba con eles e moitos creron e convertéronse ó Señor.
22Chegaran estas novas ós oídos da Igrexa de Xerusalén, e mandaron a Antioquía a Bernabé. 23Cando chegou e viu a graza de Deus, encheuse de alegría e animaba a todos a se conservaren unidos ó Señor co corazón firme, 24pois era un home bo, cheo de Espírito Santo e de fe. E foi moita a xente que se uniu ó Señor.
25Daquela, Bernabé foi a Tarso en busca de Saulo 26e, cando o atopou, levouno para Antioquía. Durante un ano enteiro estiveron xuntos naquela Igrexa, adoutrinando a moita xente. Foi en Antioquía onde por primeira vez ós discípulos lles chamaron "cristiáns".
27Por aqueles días baixaron a Antioquía uns profetas de Xerusalén. 28Un deles, chamado Agabo, ergueuse e, movido polo Espírito, anunciou que ía haber unha gran fame por toda a terra (foi a que houbo no tempo de Claudio). 29Os discípulos ordenaron de mandar un auxilio ós irmáns de Xudea, cadaquén conforme ós seus posibles. 30E así o fixeron mandándollelo ós responsables pola man de Bernabé e de Saulo.

Currently Selected:

Feitos 11: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in