YouVersion Logo
Search Icon

Feitos 1

1
Prólogo
1O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, 2Ata o día que foi levado ó ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo ós apóstolos que escollera.
Aparicións de Xesús resucitado e a súa ascensión
3Os mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ó Reino de Deus. 4E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: 5porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
6Os que estaban reunidos preguntábanlle:
Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
7El respondeulles:
Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. 8Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
9En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. 10E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, 11que dixeron:
Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.
A Igrexa en Xerusalén
12Entón volveron para Xerusalén desde o chamado Monte das Oliveiras, que está cerca de Xerusalén: distante o camiño que se pode facer en sábado. 13Logo que chegaron, subiron ó cuarto de arriba, onde residían Pedro, Xoán, Santiago, Andrés, Filipe, Tomé, Bartolomeu, Mateu, Santiago o de Alfeo, Simón o Zelota e Xudas o de Santiago. 14E todos eles dedicábanse conxuntamente á oración, con algunhas mulleres e mais María a nai de Xesús e cos seus irmáns.
Elección de Matías para o lugar de Xudas
15Por aqueles días, Pedro, erguéndose en medio dos irmáns (había alí un grupo de xente de case cento vinte persoas), dixo:
16Irmáns, conviña que se cumprise a Escritura, onde por boca de David falou o Espírito Santo acerca de Xudas, que se fixo guía dos que prenderon a Xesús; 17el, que foi un de nós e recibira parte neste servizo. 18E velaí que comprou unha leira coa paga do crime, caeu de cabeza e, rebentando polo medio, saíronlle para fóra as entrañas. 19A cousa foi coñecida por todos os de Xerusalén, a tal xeito que a aquela leira quedoulle o nome (na súa lingua) de haqueldamá, que quere dicir "leira de sangue". 20Porque está escrito no libro do Salmos: que fiquen a campo os seus bens e que non haxa quen os habite; e tamén que outro reciba o seu cargo. 21E, pois, cómpre que dos homes que nos acompañaron todo o tempo que o Señor Xesús estivo connosco, 22comezando desde o bautismo de Xoán ata o día en que foi levado de entre nós, un deles sexa connosco testemuña da súa resurrección.
23E presentaron dous: Xosé, o chamado Barsabás e por sobrenome o Xusto, e mais Matías.
24Daquela oraron así: "Ti, Señor, que coñeces os corazóns de todos, amosa cal destes dous escolliches 25para ocupar neste servizo do apostolado o lugar que Xudas deixou para ir ó sitio que lle correspondía".
26Sortearon e correspondeulle a Matías, que formou grupo cos Once apóstolos.

Currently Selected:

Feitos 1: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in