YouVersion Logo
Search Icon

2 Tesalonicenses 2

2
O impío e a súa aniquilación
1Tocante á Parusía do noso Señor Xesús Cristo e da nosa xuntanza con el, rogámosvos, irmáns, 2que non abaledes tan axiña nos vosos criterios nin vos desconcertedes por supostas revelacións, ditos ou cartas nosas coma se o Día do Señor estivese a caer. 3Que ninguén vos trabuque de ningún xeito. Porque primeiro ten que vir a apostasía e manifestarse o impío por excelencia, a perdición en persoa; 4Aquel que se opón e se levanta contra todo o que se chame Deus ou que sexa digno de culto, ata chegar a sentarse el no templo de Deus, proclamando que el mesmo é Deus.
5Non vos acorda que, cando aínda estaba convosco, xa volo dicía? 6E agora xa sabedes qué é o que o detén, para que se mostre unicamente no seu preciso tempo. 7Pois a misteriosa iniquidade xa está actuando; só cómpre que lle quiten do medio a quen a detén. 8E daquela mostrarase o Impío, a quen o Señor matará co sopro da súa boca e aniquilará co resplandor da súa Vinda. 9A vinda dese Impío será obra de Satán, será con poder, con portentos e con prodixios trapalleiros, 10e con toda a sedución que exerce a inxustiza en cantos se han de perder, por non acolleren o amor da verdade que os ía salvar. 11E por iso mándalles Deus unha forza enganadora, para que crean na falsidade, 12e así se condenen todos os que non creron na verdade senón que se deleitaron na sedución.
Mantédevos agradecidos e animosos
13Pero por vós, irmáns benqueridos do Señor, debémoslle dar grazas sempre ó Señor porque desde o comezo escolleuvos Deus para salvarvos santificándovos co Espírito e dándovos fe na verdade. 14Para iso chamouvos polo noso Evanxeo, de xeito que logredes a gloria do noso Señor Xesús Cristo. 15Polo tanto, irmáns, mantédevos rexos e retede ben as ensinanzas que vos aprendemos tanto de palabra coma por carta. 16E que o mesmo Señor noso Xesús Cristo e mais Deus, o noso Pai, que nos amou e que nos deu gratuitamente azos duradeiros e boa esperanza, 17vos dea ánimos e vos afinque en toda obra e palabra boa.

Currently Selected:

2 Tesalonicenses 2: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in