YouVersion Logo
Search Icon

2 Samuel 21

21
ANEXOS (2 Sam 21-24)
Os gabaonitas e os fillos de Xaúl
1No tempo de David houbo unha fame de tres anos seguidos. David consultou o Señor e o Señor respondeulle: —"Enriba de Xaúl e da súa familia está o sangue dos gabaonitas que mataron".
2O rei convocou entón os gabaonitas e faloulles. Os gabaonitas non eran israelitas, senón un resto dos amorreos. Os israelitas fixeran pacto con eles, pero Xaúl quixera exterminalos no seu celo por Israel e por Xudá. 3David díxolles ós gabaonitas: —"Que podo facer por vós e con que podo reparar, para que bendigades a herdade do Señor?"
4Os gabaonitas respondéronlle: —"Non queremos prata nin ouro de Xaúl nin da súa familia nin queremos que ninguén morra en Israel". E o rei díxolles: —"Farei por vós o que me pidades". 5Os gabaonitas dixéronlle ó rei: —"Un home quixo exterminarnos, acabar connosco e facernos desaparecer da terra de Israel. 6Que nos entreguen sete dos seus fillos para colgalos diante do Señor, en Gabaón, na montaña do Señor". David respondeulle: —"Daréivolos eu".
7O rei perdooulle a vida a Mefibóxet, fillo de Ionatán, fillo de Xaúl, por mor do pacto que se xuraran David e Ionatán, fillo de Xaúl. 8Pero o rei colleu a Armoní e a Mefibóxet, os dous fillos que Rispah, filla de Aiah, lle dera a Xaúl, e os cinco fillos que Merab, filla de Xaúl, lle parira a Adriel, fillo de Barzilai, o meholatita, 9e entregóullelos ós gabaonitas, que os penduraron no monte diante do Señor. Caeron os sete ó mesmo tempo, axustizados nos primeiros días da seitura, ó comezo da sega do orxo. 10Rispah, filla de Aiah, colleu un saco, estendeuno por riba da rocha e estivo alí desde o comezo da seitura ata que caeron as chuvias nos cadáveres, para impedir que se acercasen a eles de día os paxaros do ceo e de noite as feras do campo.
11Cando lle contaron a David o que fixera Rispah, filla de Aiah, concubina de Xaúl, 12mandou el coller os ósos de Xaúl e os do seu fillo Ionatán de onda os veciños de Iabex de Galaad, que os levaran da praza de Bet—Xeán. Alí penduráranos os filisteos o día en que estes derrotaran a Xaúl en Guilboa. 13O rei fixo vir de alí os ósos de Xaúl e os do seu fillo Ionatán e xuntáronos cos ósos dos axustizados. 14Enterraron os ósos de Xaúl e os do seu fillo Ionatán en terras de Benxamín, en Selá, no sepulcro de Quix, pai de Xaúl. Fixeron todo o que o rei mandou e despois diso compadeceuse Deus da terra.
Fazañas de David e dos seus homes
15Despois volveu haber guerra entre os filisteos e Israel. David baixou cos seus servidores e loitou contra os filisteos. David quedou canso diso 16e asentáronse en Gob.
Un home dos refaítas, cunha lanza de bronce de trescentos siclos de peso e cunha espada nova, dicía que ía matar a David. 17Pero Abixai, fillo de Seruiah, defendeu a David. Feriu ó filisteo e matouno. Entón conxuráronse os homes de David e dixéronlle: —"Ti non sairás máis connosco ó combate e que non se apague o facho de Israel".
18Despois houbo outro combate en Gob cos filisteos. Nel Sibcai de Huxah matou a Saf, un refaíta. 19Noutro combate en Gob cos filisteos, Elhanán, fillo de Iair o betlemita, matou a Goliat de Gat. Este levaba unha lanza coma un rolo de tecelán.
20Noutra batalla en Gat presentouse un home de gran talla, con seis dedos en cada man e seis en cada pé, vintecatro en total, tamén el era dos refaítas. 21Desafiou a Israel, pero matouno Ionatán, fillo de Ximá, irmán de David. 22Eses catro homes da raza dos refaítas eran de Gat e caeron a mans de David e dos seus homes.

Currently Selected:

2 Samuel 21: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in