YouVersion Logo
Search Icon

2 Samuel 18

18
Desfeita e morte de Abxalom
1David pasou revista ós seus homes, e púxolles xefes de milleiro e de centuria. 2Un terzo do exército púxoo ó mando de Ioab, un terzo ó mando de Abixai, fillo de Seruiah, irmán de Ioab, e un terzo ó mando de Itai de Gat.
O rei díxolles ós soldados: —"Quero ir eu tamén convosco". 3Pero eles respondéronlle: —"Ti non veñas. Pois, se tivésemos que fuxir, ninguén se fixaría; e se morrésemos a metade, tampouco tería importancia. Mais ti vales coma dez mil de nós. Mellor que nos socorras desde a cidade". 4O rei díxolles entón: —"Farei o que vos pareza". E o rei quedou onda a porta, mentres o exército saía por milleiros e por centurias. 5E mandoulles a Ioab, a Abixai e a Itai: —"Tédeme conta do xove Abxalom". Todo o exército oíu o que o rei mandou ós xefes, tocante a Abxalom.
6O exército saíu ó campo ó encontro de Israel. O combate librouse nos bosques de Efraím. 7Alí o exército de Israel foi derrotado polos seguidores de David. A mortaldade foi grande aquel día. Foi de vinte mil homes. 8O combate estendeuse por toda aquela bisbarra. Aquel día o bosque devorou máis vidas cá espada.
9Abxalom acertou a pasar á vista dos homes de David. Ia montado no seu macho e ó pasar este debaixo dunha aciñeira enmarañáronselle nas gallas os cabelos da cabeza e quedou pendurado entre o ceo e a terra, mentres o macho seguía para adiante.
10Un home que o viu, levoulle a noticia a Ioab: —"Acabo de ver a Abxalom pendurado dunha aciñeira". 11Ioab díxolle ó que lle traía a noticia: —"E logo, se o viches, por que non o botaches por terra alí mesmo? Agora teríache que dar dez siclos de prata e un cinto". 12Pero o home díxolle a Ioab: —"Nin que estivese xa pesando mil moedas de prata, non erguería eu as miñas mans contra o fillo do rei, pois todos oímos o que o rei vos mandou, a ti, a Abixai e a Itai: tédeme conta do xove Abxalom. 13Se eu cometese esa traizón pola miña conta, ti poríaste en contra miña, diante do rei, a quen nada se lle esconde".
14Entón dixo Ioab: —"Non me vou quedar aquí detido diante de ti". E, coa mesma, colleu tres dardos e cravoullos no corazón a Abxalom, que estaba aínda vivo, pendurado da aciñeira. 15Os dez escudeiros de Ioab acercáronse a Abxalom, golpeárono e rematárono.
16Ioab mandou que tocasen a trompeta e o exército deixou de perseguir a Israel, porque Ioab o contivo. 17Logo colleron o corpo de Abxalom, botárono nun foxo do bosque e ergueron por riba del unha morea de pedras. Os israelitas fuxiron todos, cada un para a súa tenda. 18Abxalom erixírase en vida un monumento no val do rei, pensando: non teño fillo que manteña vivo o meu nome. Gravou na estela o seu nome e aínda hoxe se lle chama monumento de Abxalom.
David chora polo seu fillo
19Entón Ahimaas, fillo de Sadoc, pediulle a Ioab: —"Déixame ir de contado xunto ó rei, para levarlle a noticia de que o Señor lle fixo xustiza ante os seus inimigos". 20Ioab respondeulle: —"Hoxe non levarías boas novas: xa as levarás outro día. Hoxe non levarías boas novas, porque morreu o fillo do rei". 21E Ioab díxolle a un cuxita: —"Vai e anúncialle ó rei o que viches". O cuxita saudou a Ioab e foi correndo.
22Ahimaas, fillo de Sadoc, insistiulle a Ioab: —"Pase o que pase, déixame correr a min tamén tras do cuxita". Ioab díxolle: —"Para que queres correr, meu fillo? Esa nova non che sería de proveito". 23Pero el dixo: —"Pase o que pase, quero correr". E el díxolle: —"Corre". E Ahimaas saíu correndo e, atallando polo medio do val, adiantóuselle ó cuxita.
24David estaba sentado entre as dúas portas. O vixía subiu á terraza, por riba da porta da muralla, mirou e viu que viña correndo un home só. 25O vixía berrou e pasoulle a noticia ó rei. O rei comentou: —"Se vén só, é que trae boas noticias".
O home seguía acercándose 26e o vixía viu outro home correndo, e berrou desde enriba da porta: —"Vén outro home correndo só". E o rei comentou: —"Tamén este trae boas noticias". 27O vixía engadiu: —"Pola maneira de correr, o primeiro corredor peréceseme a Ahimaas, o fillo de Sadoc". E o rei comentou: —"Ese é unha boa persoa. Virá con boas noticias".
28Entón Ahimaas berroulle ó rei: —"Paz". E saudouno prostrándose polo chan. E dixo: —"Bendito sexa o Señor, teu Deus, que che entregou os homes que ergueron a man contra o rei, meu señor". 29E o rei preguntoulle: —"Está ben o xove Abxalom?" Ahimaas respondeulle: —"Cando Ioab enviou ó teu servo, vin que había un gran barullo; pero non sei o que pasou". 30O rei díxolle: —"Arreda e queda aí." E el arredouse e quedou alí.
31Niso entrou o cuxita e dixo: —"Parabéns, rei, meu señor, porque o Señor deuche hoxe a vitoria sobre todos os que se ergueron contra ti". 32O rei preguntoulle ó cuxita: —"Está ben o mozo Abxalom?" E o cuxita respondeulle: —"Que ós inimigos do rei e a todos os que se rebelaron contra ti lles pase coma a ese mozo".

Currently Selected:

2 Samuel 18: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in