2 Pedro 2
2
Denuncia dos falsos mestres
1O mesmo que houbo no pobo xudeu profetas falsos, tamén haberá entre vós falsos mestres, que meterán arteiramente herexías perniciosas; ó negaren o Señor que os rescatou, carrexan para si unha rápida perdición. 2Moitos extraviándose, seguirán o camiño dos libertinos e por culpa deles maldicirase o camiño verdadeiro. 3Pois, por cobiza, hanvos explotar con discursos arteiros: a sentencia que merecen xa hai tempo que non folga; e a perdición que lles vén enriba non está a durmir, de certo.
Condena dos pecadores e salvación dos xustos
4Pois Deus non perdoou os anxos que pecaron senón que os botou ós alxubes escuros do inferno, gardándoos alí para o xuízo. 5Tampouco non lle perdoou ó mundo antigo senón que, cando mandou o cataclismo a aquel mundo de impíos, soamente gardou seguras a oito persoas con Noé, o pregoeiro da xustiza; 6e condenou as cidades de Sodoma e Gomorra volvéndoas cinsa, deixando deste xeito e para sempre un escarmento para os impíos. 7Pero librou ó xusto Lot, atormentado polo comportamento lascivo daquela xente sen decencia, 8pois como era un home xusto, co que lles vía e lles oía ós homes entre os que vivía un día e outro día, doíanlle na súa alma santa aquelas accións inicuas.
9Deste xeito o Señor sabe ben como librar da proba os homes piadosos; e, en troques, tamén sabe gardar para o día do xuízo os culpables, que xa van ser castigados, 10maiormente os que van tras dos desexos impuros da carne e os que desprezan a autoridade do Señor. Ousados, pagados de si, destemidos, maldicen os Seres Gloriosos, 11cando nin os mesmos anxos, con seren maiores ca eles en forza e poder, non se atreven a lles botar unha maldición diante do Señor. 12Pero esa xente, coma animais irracionais, nacidos e destinados para que os cacen e os maten, por maldiciren o que nin sequera coñecen, morrerán cunha morte coma a destes animais. 13Recibirán así a paga dos seus erros, xa que pensan que a felicidade consiste en andar de esmorga en pleno día.
Denuncia dos seus pecados na comunidade e contra ela
Que noxo e que vergonza, cando, comendo convosco, se enzoufan nos seus praceres! 14Os seus ollos non se enchen de adulterar nin se cansan de pecar; andan á caza dos acabados de converterse, coñecen todas as mañas da cobiza, naceron para a maldición. 15O deixaren o camiño dereito, extraviáronse, seguindo o camiño de Balaam, fillo de Bosor, quen cobizou a paga por profetizar cousas inxustas; 16pero tivo quen lle botase na cara o seu pecado: unha burriña sen fala falou con voz de home e parou a loucura do profeta.
17Son coma fontes secas, nubes mouras empurradas por unha tormenta: a negra escuridade está gardada para eles. 18Pois con discursos que soan moi ben pero que non din cousa ó caso e aproveitando as paixóns lascivas da carne, cazan ós que hai pouco se apartaron dos que vivían no erro. 19Prométenlles liberdade, eles que son escravos da corrupción porque o que nos vence, escravízanos. 20Se os que se libran das inmundicias do mundo, grazas a coñeceren ó noso Señor e Salvador Xesús Cristo, se deixan enlizar e vencer de novo polas mesmas inmundicias, o seu final vénlles ser peor do que o principio. 21Máis lles valía non coñecer o vieiro da xustiza, antes que, de coñecido, volverse atrás do cumprimento da santa doutrina que se lles entregou. 22Pasoulles o daquel atinado O can que vomitou, o vómito papou e aqueloutro: "Porca lavada envorcállese no bulleiro".
Currently Selected:
2 Pedro 2: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT