YouVersion Logo
Search Icon

1 Samuel 9

9
XAÚL UNXIDO REI (9-10)
Encontro de Xaúl con Samuel
1Había un home de Benxamín que se chamaba Quix, fillo de Abiel, fillo de Seror, fillo de Becorat, fillo de Afíah, un benxaminita de boa posición. 2Tiña un fillo chamado Xaúl, un mozo garrido e lanzal, coma non había outro en Israel. Sobresaía entre todos dos ombreiros para arriba.
3O seu pai Quix extraviáranselle unhas burras e díxolle ó seu fillo Xaúl: —"Leva contigo un criado e vai na pescuda das burras". 4Atravesaron a montaña de Efraím e a bisbarra de Xalixah, pero non as atoparon. Cruzaron por Xalim, e non estaba. Atravesaron despois Benxamín, e tampouco estaban alí.
5Chegados á terra de Suf, Xaúl díxolle ó criado que ía con el: —"Imos dar a volta, non sexa que meu pai, deixando a cousa das burras, estea inquedo por nós". 6O criado respondeulle: —"Xustamente nesta cidade hai un home de Deus de moito creto. Todo o que anuncia acontece. Vamos alí onda el. O mellor dános razón do que estamos buscando".
7Xaúl reparou: —"Mais, de ir, que lle daremos a ese home? Non nos queda pan nas alforxas e non temos ningún agasallo que ofrecerlle ó home de Deus. Que nos queda?" 8O criado respondeulle: —"Aquí gardo aínda un cuarto de siclo de prata. Darémosllo ó home de Deus e el mostraranos o camiño". 9Antes en Israel, cando alguén ía consultar algo con Deus, tiña o costume de dicir: —"Vaiamos onda o vidente", porque ó profeta de agora chamábaselle antes vidente. 10Entón Xaúl asentiu: —"Está ben o que dis. Vamos alá". E entraron na cidade, onde estaba o home de Deus.
11Cando subían a costa da cidade, encontráronse cunhas rapazas que saían a coller auga, e preguntáronlles: —"Está aquí o vidente?" 12—"Está", respondéronlles elas. "Aí vai, diante de vós. Dádevos présa. Hoxe veu á cidade, porque o pobo celebra hoxe un sacrificio no outeiro. 13En canto entredes na cidade, atoparédelo. Despois subirá ó outeiro para xantar. A xente non xantará mentres non chegue, pois é el quen bendicirá o sacrificio que despois comerán os convidados. Agora subide, que deseguida o encontraredes". 14Subiron eles á cidade e, ó entraren nela, atopáronse con Samuel, que pasaba diante deles para subir ó outeiro.
15A véspera da chegada de Xaúl, o Señor fixéralle a Samuel esta revelación: 16—"Mañá destas horas mandareiche un home do país de Benxamín, para que o unxas por xefe do meu pobo Israel. El librará este meu pobo da man dos filisteos, pois fixeime na mágoa do meu pobo, os seus berros chegaron onda min". 17Cando Samuel viu a Xaúl, o Señor indicoulle: —"Ese é o home que che dixen, o que gobernará ó meu pobo".
18Xaúl achegouse a Samuel, preto da porta da cidade, e preguntoulle: —"Dime, se fas o favor, onde é a casa do vidente". 19Samuel respondeulle: —"O vidente son eu. Sube ó outeiro canda min. Hoxe xantaredes comigo e mañá cedo despedireite e direiche o que hai no teu corazón.
20Tocante ás burras que se che perderon hai agora tres días, non te inquietes por elas; xa apareceron. Amais, a quen pertence o máis prezado de Israel, senón a ti e á túa familia?" 21A iso dixo Xaúl: —"Non son eu un benxaminita, da máis pequena das tribos de Israel, e o meu clan dos máis insignificantes dos clans de Benxamín? Por que, logo, me falas así?"
22Entón conduciu Samuel ó comedor a Xaúl e ó seu criado e sentounos á cabeceira de todos os convidados, unhas trinta persoas. 23E díxolle ó cociñeiro: —"Trae a ración que che entreguei e que che mandei que gardases á parte". 24O cociñeiro trouxo un pernil enteiro e serviullo a Xaúl. E Samuel díxolle: —"Estaba gardado para ti. Come, pois reservárase para esta ocasión, para que comas cos convidados". E Xaúl xantou aquel día con Samuel.
25Despois baixaron do outeiro á cidade, e Samuel estivo de conversa con Xaúl no seu terrado. 26Xaúl durmiu alí. O amencer, Samuel foino chamar: —"Érguete, que quero despedirte". Xaúl ergueuse, e saíron os dous xuntos para fóra. 27Cando saían da cidade, Samuel díxolle a Xaúl: —"Dille ó criado que vaia diante, e ti agarda unha miga, que quero comunicarche a palabra de Deus".

Currently Selected:

1 Samuel 9: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in